06/01/12

CHEGARON OS REIS!!!

Parece que na Esperela somos moi bos, porque os Reis pasaron esta noite por aquí co presente que pedimos na nosa carta: un libro electrónico!
Queriamos un modelo pequeno e sinxelo, cómodo para todos. Estará na biblioteca e alí poderedes consultalo, tamén os profes, e empregar na "hora de ler".
Pero non só aos Reis temos que agradecer este agasallo, senón tamén aos departamentos de Tecnoloxía e de Lingua Castelá, que fixeron posible este novo soporte para achegar, aínda máis, a lectura ao noso instituto. 
                      Grazas!

05/01/12

ISAAC DÍAZ PARDO


A morte sorprendía a Isaac Díaz Pardo esta mañá aos 91 anos de idade na Coruña. O histórico galeguista, artista, industrial, empresario e activista cultural estaba ingresado no hospital San Rafael da Coruña a se recuperar dunha pulmonía. 
Co seu falecemento remata unha das traxectorias vitais máis importantes para entendermos o galeguismo e a evolución do país ao longo dos últimos cen anos. 
Vía Cultura Galega.
No seguinte vídeo veredes as súas reflexións sobre a súa propia historia.



04/01/12

ANO CELSO EMILIO FERREIRO


Tal día coma hoxe, hai cen anos, nacía en Celanova Celso Emilio Ferreiro. Era o 4 de xaneiro de 1912 e o poeta vía a luz na vila que posteriormente sería un dos eixos que guiaron a súa obra literaria. Cen anos despois, esa obra literaria é un referente inexcusable para a literatura galega, que hoxe non sería interpretable sen a figura enorme e simbólica de Celso Emilio.  
Este ano, con motivo do centenario, o Parlamento Galego declarou, por unanimidade, o 2012 como Ano Celso Emilio Ferreiro, con actividades e celebracións especiais dedicadas a conmemorar a figura do escritor celanovés. Hoxe por hoxe, a figura de Celso Emilio Ferreiro sobrepasa o peso da súa propia obra literaria para se converter nun emblema vivo e vital da cultura galega.

No seguinte vídeo, Luar na lubre pon música ao seu poema "María Soliña", no que amosa a dor desta muller, condenada en 1680 polo tribunal da Inquisición acusada de practicar bruxaría...