14/04/12

SIMONE DE BEAUVOIR


O 14 de abril de 1986 morría en París a escritora e filósofa Simone de Beauvoir, figura fundamental do existencialismo e do feminismo. Estudou na Sorbona e alí coñeceu en 1929 ao tamén escritor Jean-Paul Sartre, que sería o seu compañeiro para o resto da vida.
O seu segundo libro, O segundo sexo (1949), supuxo un punto de partida teórico para distintos grupos feministas, xa que elabora unha historia sobre a condición social da muller analizando as distintas características da opresión masculina: ao ser excluída dos procesos de produción e confinada ao fogar e ás funcións reprodutivas, a muller perdía todos os vínculos sociais e con eles a posibilidade de ser libre.
Na Esperela recomendámosvos A muller rota, libro que reúne tres historias nas que as protagonistas son mulleres vítimas das relacións coas súas parellas, nas que o amor as leva a unha actitude abnegada que remata na insatisfacción e no illamento.


13/04/12

RECOMENDACIÓNS SEMANAIS

Presume de ler e déixate ver! 

Brais Lestón, 1º Bacharelato
Tokio blues, Haruki Murakami

O libro que recomendo é Tokio blues, do autor xaponés Haruki Murakami, porque me parece unha novela moi fermosa, que relata moi ben como unha canción nos pode facer recordar cousas do noso pasado que nos marcaron para sempre e influiron nas nosas vidas. Tamén nos fala do amor que poden sentir algunhas persoas respecto de outras pero que nunca terán a oportunidade de expresalo debido ao medo que se sinte.
O protagonista, Toru Watanabe, relaciónase con varias persoas ás que acaba querendo, pero que lle fan pensar a quen ama realmente e con outras que lle marcarán significativamente a súa personalidade.
En fin, sería moi bo que se lera este libro porque a mesma historia que ten o protagonista podémola facer un identificativo da nosa propia vida. 


11/04/12

ÉDELINGUA: GAÑADORA DO CONCURSO DE VÍDEOS DO CORRELINGUA 2012


Onte recibimos no instituto unha moi boa nova: Édelingua Producións Audiovisuais, a produtora do noso Equipo de Dinamización da Lingua Galega, gañou o primeiro premio do concurso de vídeos do Correlingua 2012.
É unha gran satisfacción que esta produtora, formada por alumnado e profesorado do equipo, e que tantas satisfaccións nos da, vexa así recoñecido o seu traballo e esforzo. Felicitamos a tod@s @s integrantes do equipo, especialmente a Javier González, de segundo de bacharelato, o noso cámara e director.
PARABÉNS!


Se queredes ver outros vídeos da produtora e saber máis deste premio, 
visitade o blog do Édelingua.

10/04/12

UN CAMPIÓN: MARTÍN VARELA DOURADO

 

Martín Varela Dourado naceu en Corme (A Coruña) no ano 1978 e practica o tenis en cadeira de rodas. Ten unha discapacidade física por un accidente de circulación que sufriu en 1998 e, despois dunha longa recuperación física e mental, empezou a practicar deporte baixo as directrices do seu irmán Esteban (licenciado no INEF). No 2003 comezou a practicar o tenis en cadeira de rodas na Escola de Tenis Marineda. Desde entón compite en torneos nacionais e internacionais, nos que xa conseguiu moi bos resultados. 
Nas próximas tempadas seguirá competindo para subir no ranking internacional até conseguir a clasificación para poder participar na Paraolimpiada que se celebrará en Londres en 2012.


Moi pronto estará de visita no noso instituto!

09/04/12

IMAXE DO DÍA


Mucha gente pequeña, en lugares pequeños, haciendo cosas pequeñas,
 puede cambiar el mundo. 
Eduardo Galeano