04/02/12

THE FANTASTIC FLYING BOOKS OF MR. MORRIS LESSMORE

Seguimos con recomendacións de Óscar 2012: non vos perdades esta marabillosa curta, "The fantastic flying books of Mr. Morris Lessmore", nominada como mellor curtametraxe de animación. Esta historia de fantasía está inspirada, na mesma medida, polo furacán Katrina, Buster Keaton, O mago de Oz, e o amor polos libros e a lectura... 

                    
Vía Trafegando Ronseis.

03/02/12

RECOMENDACIÓNS SEMANAIS

Presume de ler e déixate ver


Daniel Prats González, 2º ESO C
Rapazas, Agustín Fernández Paz

Este é un libro co que realmente disfrutei da lectura. É un libro que nos conta diversas historias, pero sempre teñen unha rapaza como protagonista.
Atoparás nel seis historias totalmente diferentes unha de outra, persoalmente a min a que máis me gustou foi A primeira meta.
Trata de Mariña, unha nena cuxa paixón é correr. Ten unha carreira e só lle faltan 300 metros para chegar. A súa amiga recorda vivencias que tivo con ela, por exemplo a primeira vez que tiveron clase de Educación Física xuntas. Preguntoulle o profesor: "-E a ti, que deporte te gusta practicar? -A min? a min encántame correr". A súa nai non estaba moi dacordo con ela, porque dicía que correr era un deporte de nenos. Xa se estaba aproximando á meta, había moita xente na liña de chegada. Mariña vai nas primeiras posicións xunto a tres rapazas, pero iso a ela dalle o mesmo, imprímelle forza ás súas pernas e dase conta de que as rapazas están detrás dela, e a meta está cada vez máis preto e... Mariña Louzao é a gañadora da carreira!
Bueno, a min paréceme un libro fantástico e espero que teñades a mesma sorte que tiven eu e o poidades ler, por iso volo recomendo a todos e desexo que o pasedes tan ben como o pasei eu.

02/02/12

MAHATMA GANDHI

O Día da Paz e da non violencia celébrase coincidindo co 64 aniversario da morte de Mahatma Gandhi. Se queredes saber máis sobre este persoeiro e sobre o pacifismo que defendía, mirade este glogster:

01/02/12

SEMANA DA PAZ 2012

E TI QUE DIS?
Aquí tes o que outras persoas pensan sobre a PAZ.
Escribe os teus comentarios no caderno que tes a túa disposición no recibidor do Instituto ou deixa aquí a túa opinión...
Grazas por PACIFICAR.

31/01/12

IRMÁNS

De  Longa noite de pedra (1962), seleccionamos para a semana da paz este poema de Celso Emilio Ferreiro, "Irmáns", musicado neste vídeo polo grupo folk  Fuxan os ventos...


Camiñan ó meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estraños.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmau che falo.
Se é túa a miña noite,
se choran os meus ollos o teu pranto,
se os nosos berros son iguais,
coma un irmau che falo.
Anque as nosas palabras sexan distintas,
e ti negro e eu branco,
se temos semellantes as feridas,
coma un irmau che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
se os nosos soños son iguais,
coma un irmau che falo.
Común témos a patria,
común a loita, ambos,
a miña man che dou,
coma un irmáu che falo.

30/01/12

ANA FRANK: LA BIOGRAFÍA GRÁFICA

Como esta semana ímola dedicar a traballar a favor da paz e da non violencia, aproveitamos para recomendarvos  Ana Frank: la biografía gráfica, baseada no libro Diario de Ana Frank.
Os autores da obra, Sid Jacobson e Ernie Colón, traballan con cartas, fotos e outros documentos cedidos polo museo de Ana Frank en Amsterdam e esperan que así moita máis xente coñeza a historia da nena e da persecución dos xudeus durante a II Guerra Mundial. Nesta historia ilustrada, vemos a Ana Frank, a súa familia e outros fuxitivos (oito persoas) que se ocultan dos alemáns na parte traseira dunha casa. 
Ana Frank: la biografía gráfica desenvolve e explica toda a vida da familia Frank, dende o nacemento de seu pai Otto en 1889, ata a tráxica morte da nosa protagonista en 1945 no campo de concentración de Bergen-Belsen, á idade de 15 anos. 



29/01/12

DÍA ESCOLAR DA PAZ E DA NON VIOLENCIA


SEMANA DA PAZ
30 XANEIRO- 3 FEBREIRO
Na Esperela, coincidindo co 64 aniversario da morte de Mahatma Gandhi,  celebraremos a semana da paz do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro.
As actividades que temos preparadas son as seguintes:
  • O luns día 30, no recreo das 12:10, proxectaremos na biblioteca o documental "A ilha das flores", un acedo e divertido retrato da mecánica da sociedade de consumo.
  • E ti que dis? No recibidor do instituto faremos unha exposición de frases célebres sobre a paz. Le sobre a paz e escribe ti tamén a túa frase. 

  • En todos os períodos da nosa "Hora de ler" da vindeira semana, farase a Lectura de textos relacionados coa paz.

  • Realizarase nos recreos un obradoiro de decoración de paraugas, paraugas pola paz, que expoñeremos despois no recibidor do Instituto.
  • Na Esperela tedes unha selección de libros e películas sobre a paz. Non deixedes de velas. Pagan a pena.