10/02/12

RECOMENDACIÓNS SEMANAIS

Presume de ler e déixate ver

Martín Gómez Chas, 2 ESO C
A casa da luz, Xabier P. Docampo

Alicia e os seus amigos, Anxo, Álvaro, Aida e Alba, coñeceron a Pumariño (un home maior que picaba nos balados e muros das casas en busca dun pucheiro con ouro) cando os axudou a facer unha cabana.
Un día, Pumariño picou na parede dunha casa e montouse unha gran revolta e os habitantes da vila ameazárono. Un tempo despois, Purmariño non apareceu e Alicia preocupouse e cos seus amigos foron á súa casa. Alí estaba Pumariño, que os deixou entrar e a casa estaba chea de cousas que encontrara polos balados e uns cadros dunhas mans xuntas, moi bonitas, que fixera coa axuda dun cadro de Durero.
Ao día seguinte, Pumariño levounos a unha casa chea de cadros nos que se podían meter, e Alicia, Pumariño, Álvaro e Anxo probaron a meterse e o tempo parábase.
Ao seguinte día, entraron nun cadro dunha torre na que había un labirinto, onde atoparon unha cidade na que os gardas deixábanos entrar se non falaban con ningún dos miles de traballadores e habitantes da cidade. Alí encontraron a Duarte, o dono da casa e os cadros, nunha taberna. Falan con el e Purmariño desaparece e encóntrano na parte superior da torre co pucheiro de ouro.
Os gardas collen a Álvaro, Duarte, Alba, Anxo e Aida, pero Alicia rescátaos e van na busca de Pumariño. Subindo encontran unhas escaleiras que non se sabía se subían ou baixaban, os gardas perseguen os nenos ata chegar arriba, onde estaba unha muller moi bela cun libro no que o vento move as follas. Pero entón os pillan e o xefe da torre captura a Alicia e ameázaa con matala se non lle dan o pucheiro, pero Pumariño estámpalle o pucheiro na cabeza e rómpese, co que empezan a caer moedas de ouro que collen os traballadores e habitantes. Para escapar pintan o cadro na fachada branca dunha casa e escapan.
O seguinte día apareceu o cadro da torre cunha muller no alto e unha cidade debaixo.
Este libro gustoume moito pola fantasía de meterse nos cadros e descubrir novas sensacións.

09/02/12

NOVAS REVISTAS NA ESPERELA

Cumprimos a nosa promesa e por fin temos na Esperela as revistas mensuais que estabades esperando: 

                                             
Coidádeas, son para tod@s. Tede en conta que só as podedes consultar na biblioteca e que non se levan para casa nin para as aulas. 
Aproveitade os recreos para estar ao día!

08/02/12

IMAXE DO DÍA


"Non hai barreira, pechadura, nin ferrollo que poidas impoñer 
á liberdade da miña mente".

                                                                Virginia Woolf
                                                              

07/02/12

CHARLES DICKENS

Hoxe celebramos o bicentenario do nacemento de Charles Dickens. Mirade este glogster se queredes saber máis do autor de novelas como David Copperfield ou Oliver Twist:

06/02/12

RUSSIAN RED E JANE JOYD EN CONCERTO

O próximo día 11 de febreiro teremos a oportunidade de ver en directo á cantante e compositora madrileña Russian Red no centro Ágora, onde presentará o seu último álbum, Fuerteventura.
Neste vídeo podedes vela cantando Cigarrettes, o tema que foi banda sonora da película Camino.

Cantará con ela a coruñesa Jane Joyd, unha das propostas con máis potencial no panorama independente, gañadora do premio Proyecto Demo 2011, o galardón español máis importante dentro do ámbito "indie".


04/02/12

THE FANTASTIC FLYING BOOKS OF MR. MORRIS LESSMORE

Seguimos con recomendacións de Óscar 2012: non vos perdades esta marabillosa curta, "The fantastic flying books of Mr. Morris Lessmore", nominada como mellor curtametraxe de animación. Esta historia de fantasía está inspirada, na mesma medida, polo furacán Katrina, Buster Keaton, O mago de Oz, e o amor polos libros e a lectura... 

                    
Vía Trafegando Ronseis.

03/02/12

RECOMENDACIÓNS SEMANAIS

Presume de ler e déixate ver


Daniel Prats González, 2º ESO C
Rapazas, Agustín Fernández Paz

Este é un libro co que realmente disfrutei da lectura. É un libro que nos conta diversas historias, pero sempre teñen unha rapaza como protagonista.
Atoparás nel seis historias totalmente diferentes unha de outra, persoalmente a min a que máis me gustou foi A primeira meta.
Trata de Mariña, unha nena cuxa paixón é correr. Ten unha carreira e só lle faltan 300 metros para chegar. A súa amiga recorda vivencias que tivo con ela, por exemplo a primeira vez que tiveron clase de Educación Física xuntas. Preguntoulle o profesor: "-E a ti, que deporte te gusta practicar? -A min? a min encántame correr". A súa nai non estaba moi dacordo con ela, porque dicía que correr era un deporte de nenos. Xa se estaba aproximando á meta, había moita xente na liña de chegada. Mariña vai nas primeiras posicións xunto a tres rapazas, pero iso a ela dalle o mesmo, imprímelle forza ás súas pernas e dase conta de que as rapazas están detrás dela, e a meta está cada vez máis preto e... Mariña Louzao é a gañadora da carreira!
Bueno, a min paréceme un libro fantástico e espero que teñades a mesma sorte que tiven eu e o poidades ler, por iso volo recomendo a todos e desexo que o pasedes tan ben como o pasei eu.

02/02/12

MAHATMA GANDHI

O Día da Paz e da non violencia celébrase coincidindo co 64 aniversario da morte de Mahatma Gandhi. Se queredes saber máis sobre este persoeiro e sobre o pacifismo que defendía, mirade este glogster:

01/02/12

SEMANA DA PAZ 2012

E TI QUE DIS?
Aquí tes o que outras persoas pensan sobre a PAZ.
Escribe os teus comentarios no caderno que tes a túa disposición no recibidor do Instituto ou deixa aquí a túa opinión...
Grazas por PACIFICAR.

31/01/12

IRMÁNS

De  Longa noite de pedra (1962), seleccionamos para a semana da paz este poema de Celso Emilio Ferreiro, "Irmáns", musicado neste vídeo polo grupo folk  Fuxan os ventos...


Camiñan ó meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estraños.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmau che falo.
Se é túa a miña noite,
se choran os meus ollos o teu pranto,
se os nosos berros son iguais,
coma un irmau che falo.
Anque as nosas palabras sexan distintas,
e ti negro e eu branco,
se temos semellantes as feridas,
coma un irmau che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
se os nosos soños son iguais,
coma un irmau che falo.
Común témos a patria,
común a loita, ambos,
a miña man che dou,
coma un irmáu che falo.

30/01/12

ANA FRANK: LA BIOGRAFÍA GRÁFICA

Como esta semana ímola dedicar a traballar a favor da paz e da non violencia, aproveitamos para recomendarvos  Ana Frank: la biografía gráfica, baseada no libro Diario de Ana Frank.
Os autores da obra, Sid Jacobson e Ernie Colón, traballan con cartas, fotos e outros documentos cedidos polo museo de Ana Frank en Amsterdam e esperan que así moita máis xente coñeza a historia da nena e da persecución dos xudeus durante a II Guerra Mundial. Nesta historia ilustrada, vemos a Ana Frank, a súa familia e outros fuxitivos (oito persoas) que se ocultan dos alemáns na parte traseira dunha casa. 
Ana Frank: la biografía gráfica desenvolve e explica toda a vida da familia Frank, dende o nacemento de seu pai Otto en 1889, ata a tráxica morte da nosa protagonista en 1945 no campo de concentración de Bergen-Belsen, á idade de 15 anos. 



29/01/12

DÍA ESCOLAR DA PAZ E DA NON VIOLENCIA


SEMANA DA PAZ
30 XANEIRO- 3 FEBREIRO
Na Esperela, coincidindo co 64 aniversario da morte de Mahatma Gandhi,  celebraremos a semana da paz do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro.
As actividades que temos preparadas son as seguintes:
  • O luns día 30, no recreo das 12:10, proxectaremos na biblioteca o documental "A ilha das flores", un acedo e divertido retrato da mecánica da sociedade de consumo.
  • E ti que dis? No recibidor do instituto faremos unha exposición de frases célebres sobre a paz. Le sobre a paz e escribe ti tamén a túa frase. 

  • En todos os períodos da nosa "Hora de ler" da vindeira semana, farase a Lectura de textos relacionados coa paz.

  • Realizarase nos recreos un obradoiro de decoración de paraugas, paraugas pola paz, que expoñeremos despois no recibidor do Instituto.
  • Na Esperela tedes unha selección de libros e películas sobre a paz. Non deixedes de velas. Pagan a pena.

28/01/12

LA INVENCIÓN DE HUGO CABRET

Orfo, reloxeiro e ladrón, Hugo vive entre os muros dunha atarefada estación parisiense de ferrocarrís. Se quere sobrevivir, ninguén debe saber da súa existencia. Con todo, un día ten un descoido e será descuberto por unha excéntrica moza, amante dos libros, e por un vello e amargado fabricante de xoguetes. E xa nada será como antes. 
Con moitas páxinas de ilustracións orixinais e combinando elementos dos álbumes ilustrados, as novelas gráficas e o cinema, Brian Selznick traspasa os límites do concepto de novela, creando unha nova experiencia lectora con este libro, La invención de Hugo Cabret.


O director americano Martin Scorsese ten 11 nominacións aos premios Óscar por
"La invención de Hugo", a adaptación ao cine deste libro. Velaí tedes o tráiler de presentación...


Buscade o libro na Esperela!

27/01/12

RECOMENDACIÓNS SEMANAIS

Presume de ler e déixate ver

María Fernanda Guevara González, 3º ESO

Ata que o saibas todo, Juan Cruz Igerabide

O libro trata dunha nena de 14 anos que é cega, chámase Ester. Seu pai vese involucrado, misteriosamente, en problemas de narcotráfico. Ester fai todo o posible por axudalo e sacalo do cárcere coa axuda dos seus amigos e da súa tía.
Por outra banda, a nai da nena tense que agochar da policía porque cren que é cómplice do seu home. Mentres, a rapaza queda ao coidado da súa tía e do seu can Pipo, un can moi intelixente e que servirá de moita axuda.
Ademais, contan coa axuda de Rosa, profesora de Ester, que, en todos os momentos difíciles, está ao seu lado. Pola contra, "A Antipática", tamén mestra da cativa, atópase metida nos negocios sucios, dos que culpan ao pai de Ester.
Cres que poderán solucionar todos os conflitos que aparecen ao longo da historia?
Eu penso que é un libro que nos fai reflexionar acerca de todo o que temos e non valoramos dabondo, queixándonos a miúdo sen ter un porqué. Ester, a pesar do seu defecto intenta axudar a seu pai para que todo saia ben.
É un bo libro: divertido, ameno, intrigante e de moita acción. Recoméndovolo, vaivos gustar.

26/01/12

CHICO & RITA

Na Esperela tedes esta adaptación da película do mesmo nome. Chico & Rita é unha novela gráfica resultado do difícil traballo de facer unha adaptación á inversa. Este é un libro que xorde polo éxito da película.
Na Cuba de finais dos anos 40, Chico e Rita inician unha apaixonada historia de amor. Chico é un mozo pianista namorado do Jazz e Rita soña con ser unha gran cantante.
Dende a noite en que se coñecen nun baile na Habana, a vida vainos unindo e separando coma   personaxes dun bolero.
A película, dirixida por Fernando Trueba e o debuxante Javier Mariscal, gañou moitos premios europeos e opta este ano a un Óscar  como mellor filme de animación. A música, fundamental, é de Bebo Valdés.


Buscádeo na Esperela!

24/01/12

IMAXE DO DÍA

                     kiss-shot:

by  渡
          “Siempre imaginé que el Paraíso sería algún tipo de biblioteca”. 
                                Jorge Luis Borges.

23/01/12

CONCURSO DE MICRORRELATOS SOBRE O AMOR


CONCURSO DE MICRORRELATOS. AMOR ! AMOR ?... EN CEN PALABRAS


                               ATENCIÓN RAPAZAS E RAPACES:
Esta rapaza gañou o primeiro premio no concurso lingua de amor  porque...



...EN GALEGO LÍGASE MÁIS .Está demostrado. Frases míticas para facer as beiras  como: "ti es de aquí ou vés á festa?"  só con usalas conseguen efectos demoledores coa vítima escollida ( probade, probade...)
Por iso para facerlle os honores a San Valentín, que en febreiro sempre anda moi atarefado, convocamos a cuarta edición do concurso de microrrelatos que demos en chamar AMOR? AMOR!... EN 100 PALABRAS. 

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR, A VER QUEN CONSEGUE SER MÁIS ROMPEDOR NISTO DAS DECLARACIÓNS DE AMOR.


BASES DO CERTAME
AMOR? AMOR!... EN CEN PALABRAS
Primeira. Os participantes presentarán creacións literarias orixinais e inéditas ‑e non premiadas noutros certames‑ no xénero literario que desexen, ben en prosa, en verso ou en ambas as modalidades. A temática será o amor, en calquera das súas manifestacións: amor, desamor…

Segunda. As obras deberán ter unha extensión máxima de 100 palabras e levarán título. Estarán redactadas en lingua galega e poden estar escritas á man ou a ordenador.

Terceira. Poderá participar calquera membro da comunidade educativa do IES O Mosteirón (Sada). O prazo de presentación abrirase o día 1 de febreiro de 2012 no primeiro recreo e remata o 15 de febreiro no segundo recreo.

Cuarta. Os microrrelatos entregaranse na biblioteca durante os recreos; recolleraos o persoal docente con garda de biblioteca.
Os participantes deben presentar as obras dentro dun sobre, co título e cun pseudónimo ou nome falso por fóra. Dentro deste sobre, incluirase outro sobre máis pequeno –tamén co título do microrrelato e o pseudónimo por fóra‑ no que se indique o nome completo e a clase do autor ou autora do texto dentro.

Quinta. Os traballos serán expostos, segundo se vaian presentando, en lugares visibles e accesibles do centro.

Sexta. As obras serán avaliadas por unha comisión designada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e mais polo equipo da Biblioteca A Esperela do IES O Mosteirón. Esta proclamará dous textos gañadores. Un para o primeiro ciclo e outro para 2º ciclo e Bacharelato.

Sétima. O anuncio da obra gañadora do certame farase o día 24 de febreiro. Terá lugar no ESPAZO CINEMA, no primeiro recreo.

Oitava. Os gañadores recibirán un premio sorpresa e un diploma acreditativo.

Novena. A participación no certame implica a aceptación destas bases.

22/01/12

E OS PALÍNDROMOS?


Nunha entrada anterior falamos dos anagramas, agora tócalle aos palíndromos (do grego palin dromein, volver ir cara atrás), que son palabras, números ou frases que se len igual para adiante que para atrás. Se falamos dun número chámase capicúa. Mirade estes exemplos:

ANA
SOMETEMOS
SE VAN SUS NAVES
A BREVE VERBA
NA MAN
A TORRE DA DERROTA

A construción de frases en forma de palíndromos remóntase a tempos moi antigos. Dise que foron inventados polo poeta grego Sótades no século III antes de J.C. Tamén din que primeiro palíndromo procede do primeiro home e foi en inglés: "Madam, I´m Adam"...
Gonzalo Navaza é o autor dun palindromario interesantísimo titulado A torre da derrotA. Aquí tedes un exemplo tirado deste libro.

E MAIO DOÍAME
O día caídO
Libra neves e ven abriL.
A min. Á ánimA.
Só oS
SoñoS 
Nos soños soños soN.
E maio doíamE.
E ven á nevE
A mirada cínica da rimA.


Nesta páxina encontraredes moitos palíndromos, veredes que curiosos...

21/01/12

REBELIÓN NA GRANXA

Rebelión na granxa (Animal Farm) é unha novela satírica do escritor británico George Orwell (que morreu un 21 de xaneiro de hai 62 anos). A novela conta a historia dun grupo de animais nunha granxa que expulsan os humanos e crean un sistema de goberno propio que acaba por converterse nunha tiranía brutal. A novela foi escrita durante a Segunda Guerra Mundial e, aínda que foi publicada en 1945, non comezou a ser coñecida polo público ata finais dos anos 50. Rebelión na granxa constitúe unha sátira sobre a corrupción do socialismo soviético nos tempos de Stalin. É unha obra fundamental para comprender a corrupción que vén do poder absoluto.
Na Esperela temos a edición ilustrada de Libros del Zorro Rojo. O texto e as ilustracións pagan a pena, xa veredes...