21/12/17

E OUTRA DE ATRAPASOÑOS...

Este xoves tivemos a última xuntanza dos Atrapasoños pequenos. O conto escollido foi O rei de Litonia, de Antonio Yáñez Casalpertencente ao libro Contos sen fronteiras, de varios autores.

Ao final tomamos uns "chupas" e sorteamos o libro entre as asistentes: tocoulle a Erea! 

20/12/17

ATRAPASOÑOS NA ESPERELA

Esta foi a última reunión no 2017 do noso Club de Lectura Atrapasoños. Seguimos reflexionando con María Reimóndez.


Grazas pola vosa participación e interese, rapazada!
 Sodes do milloriño!

19/12/17

VOLUNTARIADO NA ESPERELA

Neste mes de decembro dez alumnas e un alumno de 4º de ESO comezaron cun labor de voluntariado na Esperela que durará todo o curso. 
En todos os recreos, dous ou tres alumnos/as estarán na Biblioteca facendo préstamo de libros, clasificación, restauración, renovación de tejuelos, dinamización do espazo... Cando acaden un mínimo de quince horas (ata un máximo de trinta), ese tempo será recoñecido pola Consellería cun certificado.
Estamos todos/as moi contentos/as!!

18/12/17

AS NOSAS ESTRELAS!!


Xa temos as nosas estrelas gañadoras do concurso "Unha estrela na Esperela". Parabéns, Manuel e Rosmeyli!!

13/12/17

JÓLABÓKAFLÓD

O libro (libro físico, en papel) é a estrela dos agasallos do Nadal en Islandia. Este costume nace dunha tradición marabillosa chamada "Jólabókaflód".
Esta palabra, que poderiamos traducir como "Inundación de libros por Nadal", caracteriza o tempo que vai de novembro a decembro, no que os islandeses se lanzan a mercar libros, que despois regalarán o 24 de decembro.
O que vén despois é puro gozo: pasar a noite de Noiteboa e o día de Nadal lendo tranquilamente.
Islandia é ese país no que o mellor agasallo que podes facer e recibir é un libro.

01/12/17

O ALUMNADO VAI AO TEATRO!


"A Cabeza do Dragón foi incluída polo autor, Ramón María del Valle-Inclán, nunha coleción de farsas que titulou, irónicamente, Retábulo de marionetas para educación de príncipes.
A historia conta, unha vez máis, a viaxe ao corazón do dragón que se narra en todas as culturas do mundo, e tamen na nosa, a cultura europea. Un príncipe, Verdemar, foxe do reino materno por ter desobedecido o rei, seu pai. No seu camiñar, cheo de experiencias, vai dar ao reino de Micomicón, que está a tremer baixo o alento fétido do Dragón. Como é costume, débenlle entregar a princesa Brancaflor ao monstro se queren salvar as vidas e as facendas do reino.

Mascarado para ocultar a súa identidade, Verdemar mata o Dragón coa espada máxica e desaparece. Un capitán de bandidos, Espandián, topa a cabeza do monstro, e con ela vai reclamar o premio: a man da princesa e a coroa do reino. Ela rexeita o impostor, e aquí é onde traballa o trasno, que leva toda a historia a coidar do príncipe en pago dunha antiga débeda: a liberdade.
Valle-Inclán introduce crítica social, brincadeiras políticas, a función liberadora da risa, a corrupción política, a violencia machista, a institución da monarquía, o medo a liberdade ou a banalización do amor romántico. 

30/11/17

ATRAPASOÑOS


Outro xoves, outra reunión dos Atrapasoños. Desta vez falando do acoso e a violencia co relato de Carlos Mosteiro, SMS, do seu libro colectivo Historias para ler e mirar.

27/11/17

ACTOS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA


A Esperela, xunto co departamento de Lingua Galega, preparou algunhas actividades da Semana contra a Violencia Machista, que tiveron lugar durante toda a semana pasada e seguirán ao longo desta.
As aulas e os espazos comúns enchéronse de imaxes desgarradoras: 52 esquelas de mulleres e nenos asasinados ao longo deste ano, siluetas no chan que representan os asasinatos, lemas contra o machismo no recibidor e en todas as portas das aulas, pegatinas e lazos para as camisetas, un acto de lectura de textos co alumnado de 3º e 4º... Todo sempre é pouco para intentar crear conciencia e corrixir actitudes. 

17/11/17

ANTÍA OTERO VISITA A ESPERELA


Hoxe tivemos na Esperela, co alumnado de 4º de ESO, a poeta e editora Antía Otero. Durante dúas sesións impartiu un obradoiro no que, entre outras cousas, aprendemos a facer un videopoema sen cámaras. Grazas por vir, Antía!!

o cuarto das abellas from Antía Otero on Vimeo.

E OUTRO OBRADOIRO CON ANTÍA OTERO

O alumnado de 2º de ESO tamén tivo hoxe un obradoiro con Antía Otero: "Versos en pegatina". Adicamos un tempo a pensar no sentido e forma das palabras para así ser capaces de crear un verso e compartilo cos demais. Desta maneira deseñamos a nosa pegatina persoal. 
Grazas outra vez, Antía!
ANTÍA OTERO on PhotoPeach

15/11/17

O TOLLEITO DE INISHMAAN


"Podería ser unha aldea galega, pero é unha pequena illa irlandesa. Anos 30. Personaxes curiosas, pintorescas, características... Seres máis ou menos adorables, máis ou menos odiosos que, nun mundo física e humanamente illado, viven as súas vidas cativas como poden e como saben. Entre eles un tolleito, un ser desfavorecido que ten unha arela que para el semella extremadamente difícil: transcender ese ámbito pechado que está obrigado a habitar; un eivado que persegue un soño que nel parece empresa imposible: ser amado e valorado como calquer outro".
O noso alumnado de 3º e 4º desfrutou no Ágora desta obra, baseada nun texto de Martin McDonagh e dirixida por Cándido Pazó

14/11/17

ROSA MONTERO, PREMIO NACIONAL DAS LETRAS

Rosa Montero (Madrid, 1951) é a quinta muller en acadar o Premio Nacional das Letras. Comezou a súa carreira hai 34 anos e foi "reporteira todoterreo", redactora xefa do dominical de El País, entrevistadora, articulista e autora de quince  novelas con múltiples traducións e premios en distintos países.


09/11/17

ATRAPASOÑOS NA ESPERELA


Hoxe, nos Atrapasoños, limos un conto de Paul Jennings pertencente ao seu libro Que desfeita!
Ademais, Belén elaborou e entregou a cada participante un amuleto atrapasoños que nos identifica como grupo e nos une neste club.

ATRAPASOÑOS NA ESPERELA on PhotoPeach

08/11/17

MARIE CURIE

Hai 150 anos nacía en Varsovia Marie Salomea Skłodowska, máis coñecida como Marie Curie.



Tedes o cómic na Esperela!!

PARABÉNS, LEDICIA COSTAS!!


A balada dos unicornios é a novela de Ledicia Costas que recibe o Premio Lazarillo, o premio máis antigo do Estado español adicado á literatura infantil e xuvenil (vén convocándose desde 1958).
No caso desta escritora galega, esta será a segunda vez que consiga o premio, logo de que a sua novela Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta fose tamén merecedora do galardón en 2015.

07/11/17

LEMBRANDO A LEONARD COHEN

Leonard Cohen, finado o 7 de novembro de 2016, foi un poeta, novelista e cantante canadense.
É coñecido especialmente pola última destas facetas, a de cantautor. As letras dos seus temas son moi emotivas e complexas e os seus temas recurrentes o amor e as relacións de parella.
No 2011 foille concedido o Premio Príncipe de Asturias das Letras.

31/10/17

SESIÓN DE ATRAPASOÑOS


Hoxe tivemos a sesión de Atrapasoños co alumnado de 3º e 4º con contos de medo propios do Samaín: O crepúsculo e as formigas, de X. L. Méndez Ferrín e A visita, de Xoan Casal.
ATRAPASOÑOS NA ESPERELA on PhotoPeach

27/10/17

VALEROSAS


Xa tedes na Esperela os dous exemplares de Valerosas, historias de mulleres atrevidas que fan o que queren. Imprescindibles!

26/10/17

PRIMEIRA SESIÓN DE ATRAPASOÑOS!!

Hoxe tivemos na Esperela a primeira xuntanza do club de lectura Atrapasoños. Os convocados eran os alumnos e alumnas de 1º e 2º e a primeira lectura un conto de Agustín Fernández Paz petencente ao seu libro Contos por palabras



24/10/17

DÍA DA BIBLIOTECA ESCOLAR

Festa de disfraces literarios na Esperela con motivo do Día da Biblioteca Escolar. Merendola, música e boa compañía. Aquí tedes un exemplo de Gato Negro...
Grazas, rapazada, por participar!

19/10/17

ATRAPASOÑOS, CLUB DE LECTURA


O club de lectura comeza a súa andaina na Esperela. Atrapasoños é un amuleto con características máxicas. A lenda di que os indíxenas americanos colgaban o atrapasoños no alto das súas casas para capturar o bo dos seus soños e desbotar o malo.
O noso club de lectura leva este nome porque nós seremos atrapasoños e a lectura a nosa arañeira: os libros serán o noso amuleto para ser más felices!

17/10/17

PREMIO NACIONAL DE LITERATURA


Patria, a novela de Fernando Aramburugañou hoxe o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Narrativa concedido polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. O xurado destacou na obra "a profundidade psicológica dos personaxes, a tensión narrativa e a integración dos puntos de vista, así como a vontade de escribir unha novela global sobre uns anos convulsos no País Vasco".

10/10/17

BICOS CON LINGUA

"Bicos con lingua é un espectáculo en clave de comedia no que a través de diversas situación cotiás invita a unha fonda reflexión sobre os usos e abusos da lingua galega.
Nace dun forte sentimento de amor cara algo tan propio como é a nosa lingua: a lingua galega. Non se trata en ningún momento dun exercicio de victimismo, nada máis lonxe da nosa intención, senón de afondar nun problema real e, certamente, preocupante. Así, pretendemos que esta montaxe supoña para o espectador unha experiencia de redescobremento dunha lingua que existe e que crece na súa inmensa riqueza, a pesares dos usos e abusos aos que está sometida de cotío".


05/10/17

PREMIO NOBEL DE LITERATURA


O británico Kazuo Ishiguro, de 62 anos, foi galardoado hoxe co Premio Nobel de Literatura 2017. É o segundo autor consecutivo en lingua inglesa que consigue o Nobel, despois de Bob Dylan o ano pasado.
O xurado destacou "as súas novelas de gran forza emocional que descubriron o abismo baixo o noso ilusorio sentido da conexión co mundo". A súa obra máis celebrada é O que queda do día (1989), a súa terceira novela. A súa última obra, de fantasía, leva por título O xigante soterrado e explora como a memoria se relaciona co olvido, a historia co presente e a fantasía coa realidade.