31/03/12

MIGUEL HERNÁNDEZ


O mércores pasado cumpríronse 70 anos da morte do poeta Miguel Hernández no cárcere alacantino cando só tiña 31 anos.
O poeta nacera en Orihuela no 1910, fillo de campesiños e que tivo, entre outros oficios, o de pastor de cabras. 
Axudado polo seu amigo Ramón Sijé, iniciouse na poesía dende os vinte anos, cando publicou o seu primeiro libro, Perito en lunas e posteriormente os sonetos agrupados en El rayo que no cesa, que marcou a experiencia amorosa do poeta.
Durante a guerra civil militou moi activamente no bando republicano, foi encarcerado e condenado a morte.

Nesta versión, musicada por Joan Manuel Serrat, escoitaredes o seu poema 
"Para la libertad".

30/03/12

RECOMENDACIÓNS SEMANAIS

Presume de ler e déixate ver!


Cristina García, 4* ESO
Aire negro, Agustín Fernández Paz

Este libro, pódese dicir que foi moi distinto aos que acostumo ler. Polo misterio que esconde, a reflexión que se fai ao ver que moitas veces tes que fuxir da túa rutina por medo ao destino ou para buscar outros camiños para empezar de novo. Ademais, o libro faite cambiar drasticamente do sentimento de angustia, medo, inquietude a sacarte un sorriso cunha soa frase. Un dos puntos fortes é a relación que comeza entre os dous protagonistas, o amor que senten mutuamente en silencio por medo a súa diferenza de idade, a forma de vida, ao pensar que é un deses amores prohibidos. 
É un desdes libros que podes ler nunha soa tarde porque a historia te atrapa.

28/03/12

LORENZO SILVA VISITA A ESPERELA

Organizada polo departamento de Lingua castelá e Literatura, hoxe tivemos a sorte de recibir no noso instituto a visita de Lorenzo Silva. O alumnado de 2* de ESO, que lera dous dos seus libros, La lluvia de París e Los amores lunáticos, escoitou moi atento as palabras do escritor e faltoulle tempo para facer máis preguntas...
Mirade as fotos da visita:

Parece que entre o alumnado do Mosteirón tamén temos bos escritores!

27/03/12

27 DE MARZO: DÍA MUNDIAL DO TEATRO



Aquí podes ler a Mensaxe Internacional do Teatro que se traduce a máis de vinte idiomas e se difunde por todo o mundo. Este ano é o actor John Malkovich o encargado de escribir esta mensaxe que cumpre 50 anos.

Hoxe celebramos na Esperela o Día Internacional do Teatro con distintas interpretacións de pequenos diálogos por parte do alumnado de 3* da ESO A. Resultou unha actividade moi divertida, mirade...


26/03/12

ANTONIO TABUCCHI


Onte faleceu en Lisboa o escritor italiano Antonio Tabucchi. Traducido a 40 idiomas, era o escritor italiano máis coñecido no estranxeiro debido á súa singular narrativa e á súa constante loita polas liberdades civís.
O literato, nado en Pisa en 1943, inspirouse en moitas das súas obras na Lisboa que tanto retratou o seu mestre Pessoa, do que aprendeu que dende a poesía tamén se pode construír un universo novelesco.
Unha das súas novelas máis coñecidas é Sostiene Pereira, tamén levada ao cine.