Decálogo
para escribir microcontos
1.
Un microconto é unha historia mínima que non necesita máis ca unhas poucas
liñas para ser contada, e non o resumo dun conto máis longo .
2. Un microconto non é unha anécdota nin unha ocorrencia. Coma todos os relatos,
o microconto ten presentación, nó e desenlace e o seu obxectivo é contar un
cambio, como se resolve o conflito que se suscita nas primeiras liñas.
3. Habitualmente o período de tempo que se conte será pequeno. É dicir, non
transcorrerá moito tempo entre o principio e o final da historia.
4. Convén evitar a proliferación de personaxes. Polo xeral, para un microconto
tres personaxes xa son multitude.
5. O microconto adoita suceder nun só escenario, dous como máximo. Son raros os
microcontos con escenarios múltiples.
6. Para evitar alongarnos na presentación e descrición de espazos e personaxes,
é aconsellable seleccionar ben os detalles cos que serán descritos. Un detalle
ben elixido pode dicilo todo.
7. Un microconto é, sobre todo, un exercicio de precisión no contar e no uso da
linguaxe. É moi importante seleccionar drasticamente o que se conta (e tamén o
que non se conta), e atopar as palabras xustas que o conten mellor. Por esta
razón, nun microconto o título é esencial: non debe ser superfluo, é bo que
entre a formar parte da historia e, cunha extensión mínima, ha de desvelar algo
importante.
8. Aínda tendo en conta a súa reducida extensión e o mínimo do suceso que
narran, os microcontos adoitan ter un significado de orde superior. É dicir, contan
algo moi pequeno, pero que ten un significado moi grande.
9. É moi conveniente evitar as descricións abstractas, as explicacións, os
xuízos de valor e nunca hai que tratar de convencer o lector do que ten que
sentir. Contar contos é pintar con palabras, debuxar as escenas ante os ollos
do lector para que este poida conmoverse (ou non) con elas.
10. Pensa distinto, non te conformes, fuxe dos tópicos. Un non escribe (nin
microcontos nin nada) para contar o que xa se dixo mil veces.
Escribe, inventa, sinte, fainos sentir, comparte sentimentos... PARTICIPA