10/12/11

10 DE DECEMBRO: DÍA DOS DEREITOS HUMANOS


Sesenta e tres anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)

09/12/11

RECOMENDACIÓNS SEMANAIS

Presume de ler e déixate ver


Sara Suárez Carnota, 3º ESO B

Arrugas, Paco Roca

Arrugas es un cómic que trata de un señor de edad avanzada que comienza a padecer alzheimer e intenta hacer todo lo posible por no subir a la planta de arriba de la residencia, un lugar muy deprimente en el que están los señores y señoras que no pueden valerse por sí mismos.
Yo, personalmente, recomiendo este cómic porque es muy entretenido y me ha parecido muy interesante el modo en el que trata el tema del alzheimer. Además, creo que tiene unas viñetas muy buenas, con mucha riqueza en detalles.

Parece que ao resto da clase tamén lles gusta Arrugas...


08/12/11

A ESPERELA COS DEREITOS HUMANOS

A ESPERELA COS DEREITOS HUMANOS
10 DECEMBRO 2011, LXIII ANIVERSARIO

Exposición da Declaración Universal dos Dereitos Humanos comentada por ilustradores. A partir do venres 9 no recibidor.

                               


CINE DOCUMENTAL EN ESPAZO CINEMA:
Proxección de Invisibles (Médicos sen Fronteiras: un percorrido polos conflitos esquecidos)

LUNS 12, 12:10: Cartas a Nora. Dir. Isabel Coixet.
MARTES 13, 10:10: Crímenes Invisibles. Dir. Win Wenders.
MÉRCORES 14, 10:10: Buenas noches, Ouma. Dir. Fernando León de Aranoa.
XOVES 15, 10:10: La única medicina. Dir. Mariano Barroso.
VENRES 16, 10:10: La voz de las piedras. Dir. Javier Corcuera.

Esperamos comentarios en www.biblioaesperela.blogspot.com

 

07/12/11

PREMIOS NACIONAIS ÁS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS


O Ministerio de Educación vén de comunicarlle á Consellería de Educación que no Concurso Nacional de boas prácticas na xestión e dinamización das bibliotecas escolares, correspondente ao ano 2011, acadaron galardón seis bibliotecas escolares desta comunidade. Por segundo ano consecutivo, o primeiro premio na modalidade de ensino infantil e primario é para un centro galego. Velaquí a relación de centros premiados:
Parabéns ás comunidades educativas destes centros polo esforzo realizado, e polo recoñecemento que estes premios supoñen á profesionalidade e o compromiso do profesorado que pon en marcha e mantén estas bibliotecas, estes espazos educativos de primeiro nivel. As nenas e os nenos que se forman nelas como lectores e como cidadáns, ben o merecen.

A ENTREVISTA

O alumnado de 3º de ESO está a investigar no tema das entrevistas: que son, como se fan, que partes teñen... Cada rapaz fixo a súa, nós escollimos tres pola súa forma e polo interese do seu contido. 
Se queredes saber máis, mirade este glogster...

04/12/11

PREMIO IBEROAMERICANO PARA AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ



O escritor Agustín Fernández Paz, autor das novelas Aire negro, As flores radiactivas, Cartas de inverno e Corredores de sombra, entre outros títulos, foi galardoado o pasado 29 de novembro co VII Premio Iberoamericano SM de Literatura   Infantil e Xuvenil "polo seu compromiso cos valores humanos universais e o seu papel determinante na construción dunha literatura infantil e xuvenil   en lingua galega". 
Podedes ler aquí o emotivo discurso que pronunciou, Ler para transformar o mundo.

Nacido en Vilalba en 1947, Agustín Fernández Paz é autor de máis de 45 obras dirixidas aos lectores infantís e xuvenís. Os seus libros, escritos orixinalmente en galego, tradúcense ao español, o catalán e o eúscaro, ademais do coreano, o portugués, o francés, o árabe e o italiano.

Fernández Paz foi recoñecido en dúas ocasións como Mellor Autor do Ano. Tamén obtivo o Premio ao Mellor Libro Infantil do Ano que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega. O seu libro O único que queda é o amor obtivo en 2008 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que concede o Ministerio de Cultura.
   
Na Esperela aínda lembramos a súa visita hai tres anos...


Se queres coñecer mellor a súa obra, pasa pola Esperela
PARABÉNS, AGUSTÍN!!!!!!