21/04/12

NOVA ACADÉMICA PARA A RAE

A novelista Carme Riera converteuse esta semana, aos 64 anos, na sexta muller académica da Lingua, despois de ser elixida para ocupar o sillón "n". Esta elección servirá para reforzar a escasa presenza de mulleres na RAE, que só contaba con cinco até o de agora: Ana María Matute, Carmen Iglesias, Margarita Salas, Inés Fernández Ordóñez e Soledad Puértolas
Darío Villanueva, secretario da RAE, resaltou  que a nova académica é unha grande estudosa da literatura española e traballou fundamentalmente sobre a poesía do Século de Ouro e sobre o Quijote. Riera tamén é experta en literatura contemporánea e na "escola de Barcelona", á que pertencían Gil de Biedma, Carlos Barral ou José Agustín Goytisolo.
A Academia recibe así "unha estudosa da literatura española e unha escritora en lingua catalana e en castelán". O feito de ser unha escritora bilingüe é un valor engadido para a RAE.

20/04/12

RECOMENDACIÓNS SEMANAIS

Presume de ler e déixate ver!


Elena Pin, 2º bacharelato

A perla, John Steinbeck

A perla é un libro que trata dunha familia pobre que vive en México e que por non ter suficentes cartos non poden pagar a medicina que precisan para que o seu fillo Coyotito poida sobrevivir á picadura dun escorpión.
É un libro que recomendo a todo o mundo, xa que transmite unha realidade social da cal ás veces vivimos afastados, e reflicte moi ben as diferenzas sociais.

19/04/12

IMAXE DO DÍA


"O tempo para ler, igual que o tempo para amar, dilata o tempo de vivir".
                                              Daniel Pennac

18/04/12

...OS NOSOS LIBROS E OS DO MUNDO TODO...

A nosa compañeira Belén, do Édelingua, preparou esta presentación para o día do libro, recomendando a lectura en galego. Unha combinación perfecta de imaxe, texto e música. Mirádeo, a ver que vos parece...



                                                  

17/04/12

SEMANA DO LIBRO NA ESPERELA



Xa sabedes que o próximo luns 23 de abril é o Día do Libro, no que se recorda o pasamento de Miguel de Cervantes e W. Shakespeare. Con este motivo, A Esperela está a desenvolver moitas  actividades no instituto:


No recibidor do primeiro andar podedes disfrutar dun RECANTO DE HAIKUS, elaborado polo alumnado de 3º e 4º de ESO:

Monte oscuro
los árboles son personas.
Cantan soplando.
            Andrés Neira
O día 23, no primeiro recreo na biblioteca, o grupo de 3ºPDC vainos agasallar cunha REPRESENTACIÓN baseada na obra A expedición dos libros, de Vicente Muñoz Puelles.

PALABRAS NO AIRE é o intento de encher o instituto de palabras sobre a lectura, os libros, poesías, reflexións... en distintas linguas. Busca e comparte as que máis che gusten.
Participa enviando a aesperela@gmail.com textos breves sobre a lectura, os libros, comezos de libros, partes favoritas, versos que namoran...

Rematada a representación da biblioteca, inauguraremos a exposición bibliográfica DE ONTE A HOXE, un paseo polos fondos da nosa biblioteca: dende os primeiros libros ata o e-book, libros máxicos, especiais, sorprendentes, libros dedicados polos seus autores... Ven e coñece os tesouros da Esperela!

MONUMENTO AO LIBRO: durante a semana ergueremos coas nosas mans un monumento ao libro. Deixa a túa pegada colaborando co Departamento de Educación Plástica e Visual.

LIBROS ESQUECIDOS: Se atopas un libro que poña "Expurgo" e queres quedar con el, faino. Se non o queres ler, déixao no sitio, pode apetecerlle a alguén... (en calquera caso, non o estragues, é un libro que busca propietario)

Estade atentos, todos os membros da comunidade educativa recibiredes un AGASALLO para celebrar o Día do Libro.

Participa nas actividades e disfruta cos libros!

16/04/12

GIANNI RODARI

Gianni Rodari morría un 14 de abril de 1980. Mestre, xornalista e escritor de numerosos libros, recibiu en 1970 o Premio Hans Chistian Andersen polo conxunto da súa obra de literatura infantil. Coa súa Gramática da fantasía, converteuse no "pedagogo da imaxinación", pois defendeu sempre a creatividade nos nenos coma unha posibilidade para transformar o mundo, este mundo violento e incoherente que os adultos a miúdo lles ofrecemos... Outros dos seus libros máis coñecidos son Contos por teléfono, Contos escritos a máquina, Contos para xogar,...nos que combina maxistralmente o humor, a imaxinación e a desbordante fantasía cunha visión crítica, coa súa dose de ironía, do mundo actual.