16/01/12

DON QUIJOTE DE LA MANCHA


O 16 de xaneiro de 1605 publicábase en Madrid a primeira edición de Don Quijote de la Mancha, de Miguel de Cervantes Saavedra. A obra obtivo unha grande acollida e moi pronto foi traducida ás principais linguas europeas (na actualidade é unha das obras con máis traducións do mundo).
Nun primeiro momento, Cervantes quixo loitar contra o éxito que tiñan entón os libros de cabalaría, burlándose coa historia dun fidalgo manchego que perdeu o xuízo por ler estes libros, créndose un cabaleiro andante. Para Cervantes, o estilo das novelas de cabalaría era moi malo, e as súas historias, desmesuradas. Porén, este propósito inicial foi superado e chegou a construír unha obra que reflectía a sociedade do seu tempo e o comportamento humano.

15/01/12

FERNANDO MARÍAS


Fernando Marías naceu en Bilbao en 1958 e vive en Madrid dende 1975. É novelista, guionista ocasional de cine e editor.
Gañou algúns dos premios literarios españois máis importantes, como o Premio Nadal en 2001, o Ateneo de Sevilla en 2005, ou o Nacional de Literatura Infantil y Juvenil en 2006.

Dos seus guións para o cine destaca La luz prodigiosa (2002), polo que recibiu nominacións a Mejor Guión Adaptado nos premios Goya e no Círculo de Escritores Cinematográficos en 2003.

Neste curso o alumnado de 4º de ESO le Zara y el librero de Bagdag e o de 1º de Bacharelato, o seu último libro publicado, El silencio se mueve.

Moi pronto Fernando Marías estará na Esperela!

13/01/12

RECOMENDACIÓNS SEMANAIS

Presume de ler e déixate ver

 Juan García-Insua e Fernando Olivares, 2º ESO C

La lluvia de París, Lorenzo Silva
A Silvia, unha moza de Getafe, fanlle unha oferta para rodar unha película e estudar en París. Tras a súa boa actuación, o director proponlle facer unhas cuantas películas máis. Durante a súa estancia descubre que ten que facerse realmente maior.
Eleximos comentar este libro porque nos gustou ao telo que ler en clase. Pareceunos moi emocionante a historia durante a estancia en París.
Recomendámolo porque é interesante xa que cada personaxe ten a súa historia.

12/01/12

AGATHA CHRISTIE


Agatha Christie foi unha escritora inglesa de novelas de misterio, coñecida como a Raíña do Crime, que faleceu o 12 de xaneiro de 1976 aos 86 anos. 
Agatha Christie é a escritora de misterio máis coñecida do mundo. Ata o 2003 vendéranse máis de mil millóns de exemplares dos seus libros en inglés e outros mil millóns traducidos a máis de 45 idiomas
A súa obra de teatro The mousetrap (A ratoeira), baseada no seu relato Three Blind Mice and Other Stories) ten o récord de permanencia en carteleira en Londres, con máis de 20.000 representacións desde a súa estrea o 25 de novembro de 1952 ata a actualidade.


11/01/12

MORTADELO Y FILEMÓN


Hoxe chega aos quioscos unha edición de coleccionista das mellores historias de Mortadelo e Filemón selecciondas polo autor, Francisco Ibáñez, que falando da súa obra, di cousas coma estas:

"Si un día no sale nada, pues bueno; pero si al segundo me pasa lo mismo, reúno los lapiceritos, las revistillas, los cuadernos, cojo una cerilla y lo quemo todo; pero de momento no se me ha secado la cabecita, la mente aguanta, pues adelante".

Se queredes máis información, picade aquí.

10/01/12

GABRIELA MISTRAL

A destacada poeta, feminista e pedagoga chilena, Gabriela Mistral, morreu o 10 de xaneiro de 1957. Foi unha das principais figuras da literatura chilena e latinoamericana e a primeira persoa de América Latina en gañar o Premio Nobel de Literatura, no ano 1945. Este premio foi un xusto recoñecemento da súa produción poética e tamén do seu labor literario e social, xa que dedicou a súa vida á difusión da cultura e á loita pola xustiza social e os dereitos humanos.
Neste vídeo escoitaredes a súa voz recitando o seu poema "Meciendo".



06/01/12

CHEGARON OS REIS!!!

Parece que na Esperela somos moi bos, porque os Reis pasaron esta noite por aquí co presente que pedimos na nosa carta: un libro electrónico!
Queriamos un modelo pequeno e sinxelo, cómodo para todos. Estará na biblioteca e alí poderedes consultalo, tamén os profes, e empregar na "hora de ler".
Pero non só aos Reis temos que agradecer este agasallo, senón tamén aos departamentos de Tecnoloxía e de Lingua Castelá, que fixeron posible este novo soporte para achegar, aínda máis, a lectura ao noso instituto. 
                      Grazas!

05/01/12

ISAAC DÍAZ PARDO


A morte sorprendía a Isaac Díaz Pardo esta mañá aos 91 anos de idade na Coruña. O histórico galeguista, artista, industrial, empresario e activista cultural estaba ingresado no hospital San Rafael da Coruña a se recuperar dunha pulmonía. 
Co seu falecemento remata unha das traxectorias vitais máis importantes para entendermos o galeguismo e a evolución do país ao longo dos últimos cen anos. 
Vía Cultura Galega.
No seguinte vídeo veredes as súas reflexións sobre a súa propia historia.



04/01/12

ANO CELSO EMILIO FERREIRO


Tal día coma hoxe, hai cen anos, nacía en Celanova Celso Emilio Ferreiro. Era o 4 de xaneiro de 1912 e o poeta vía a luz na vila que posteriormente sería un dos eixos que guiaron a súa obra literaria. Cen anos despois, esa obra literaria é un referente inexcusable para a literatura galega, que hoxe non sería interpretable sen a figura enorme e simbólica de Celso Emilio.  
Este ano, con motivo do centenario, o Parlamento Galego declarou, por unanimidade, o 2012 como Ano Celso Emilio Ferreiro, con actividades e celebracións especiais dedicadas a conmemorar a figura do escritor celanovés. Hoxe por hoxe, a figura de Celso Emilio Ferreiro sobrepasa o peso da súa propia obra literaria para se converter nun emblema vivo e vital da cultura galega.

No seguinte vídeo, Luar na lubre pon música ao seu poema "María Soliña", no que amosa a dor desta muller, condenada en 1680 polo tribunal da Inquisición acusada de practicar bruxaría...


31/12/11

FELIZ 2012!


"O meu segredo é moi sinxelo: só se ve ben co corazón; 
o esencial é invisible aos ollos".


O principiño, Antoine de Saint-Exupéry

A Esperela deséxavos un ano repleto de sorpresas marabillosas.

24/12/11

BO NADAL!

DENDE A ESPERELA DESEXÁMOSVOS UNHAS FELICES FESTAS 
CHEAS DE BOAS LECTURAS


                           

23/12/11

RECOMENDACIÓNS SEMANAIS

Presume de ler e déixate ver

Adán Méndez Varela, 4º ESO
Poetízate, Fran Alonso
Neste curso mandáronme ler o libro de Poetízate. O primeiro que pensei foi "outra vez poesía, todos eses poemas que tanto custa entender", pero cando o fun mercar e vin a portada foi como se o libro me chamase.
Cando cheguei a casa empecei a ollar as follas, pareime na 110 e lin o poema que nela aparecía, "Voz sen verbas". Este poema encantoume e decidín volver ao principio e lelos todos, cousa que ao contrario do que me imaxinaba non me custou. Aínda así o que máis me atraía era "Voz sen verbas", de Antonio García Teijeiro.
Por todo isto, pídolle á xente coma min en especial, esas persoas as que non lles gusta ler ou que len e a poesía lles parece aburrido, que lean Poetízate e xa verán como cambian de opinión como fixen eu.

21/12/11

A CURTA MÁIS CURTA

Unha de vampiros para empezar as vacacións...

                         

20/12/11

LECTURAS PARA O NADAL

Podedes consultar as guías elaborados polo equipo da biblioteca para que desfrutedes dos libros durante as vacacións.

                          



                          


Non deixes de pasar pola biblioteca e "cárgate" de libros para o Nadal.
FELICES FESTAS

19/12/11

UN DIOS SALVAJE


Unha recomendación para ir ao cine este Nadal:
Un Dios Salvaje, é a adaptación que Roman Polanski fixo da obra de teatro do mesmo título da escritora francesa Yasmina Reza.
O argumento é sinxelo: dúas parellas reúnense para falar sobre a pelexa que mantiveron os seus fillos no parque. O que nun principio parece unha conversa tranquila entre persoas civilizadas, axiña todo se complicará ata límites insospeitados...


17/12/11

LEMBRANDO A ANTONIO VEGA

Onte, Antonio Vega cumpriría 54 anos...


Antonio Vega (1957-2009) foi un autor, escritor, compositor e cantante español. En 1978 formou xunto co seu curmán Nacho García Vega o grupo Nacha Pop. Publicaron o seu primeiro disco en 1980 e o grupo separouse en 1988, empezando así Antonio Vega unha carreira en solitario. É considerado un dos compositores fundamentais da escena pop.
Este vídeo é da súa primeira actuación en televisión tocando "Chica de ayer", Antonio só tiña 23 anos...