03/02/17

VISITA NA ESPERELA



Hoxe tivemos na Esperela unha visita moi divertida: o alumnado de sexto do CEIP Mosteirón que vai cursar estudos no noso centro o próximo curso.
Directora, orientador e coordinadora da biblioteca falaron con eles, responderon ás súas preguntas e entregáronlles información sobre o instituto. 
Tivemos a sorte de contar con oito alumnos colaboradores, catro de primeiro de ESO e catro de cuarto. Eles mellor que ninguén poden desvelar os "intríngulis" do instituto e guiar a este novo alumnado polas aulas e departamentos.
Finalizamos cun almorzo e un agasallo... Que máis se pode pedir?



VISITA NA ESPERELA on PhotoPeach

02/02/17

EL ESPÍRITU DE LA COLMENA


O alumnado de terceiro de ESO participa no proxecto CiNed e asistiu o 20 de xaneiro ao CGAI á proxección da película El espíritu de la colmena, de Víctor Erice.
Neste mural podedes ver o poema que crearon despois con Belén, a profesora de Lingua Galega. Unha delicia!

Era unha vez…
                      un espírito nun pozo,
                      unha familia que falaba coas miradas,
                      un cine–tanatorio,
                      unha película dentro dunha película,
                      un fuxido que comeu unha mazá 
e  a morte, que chegou á mente dunha nena.

Era unha vez Ana e un republicano,
era unha vez un reloxo delator,
                    unhas cartas nunca recibidas,
                    a morte finxida,
                    unha pérdida,
                    un pé nunha pegada,
                    e a vida nunha colmea.
Era unha vez un apicultor misántropo,
                era unha vez unha nena… pero xa non.
Era unha vez…

27/01/17

DÍA INTERNACIONAL DAS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO


O 27 de xaneiro conmemórase en todo mundo por ser o aniversario da liberación do campo de concentración de Auschwitz.
Na Esperela recomendámosvos estas lecturas, que axudan a non esquecer:


26/01/17

ALMANAQUES DA ESPERELA


Na Esperela temos almanaques novos, de parede e de mesa. O alumnado é o protagonista!


25/01/17

DÍA DA EDUCACIÓN AMBIENTAL


A educación ambiental é un proceso continuo no que os individuos toman conciencia do seu medio e adquiren os valores, as competencias e a vontade para actuar na resolución dos problemas actuais e futuros do medio ambiente.

24/01/17

LA LECCIÓN DE AUGUST

Título: La lección de August
Título orixinal: Wonder
Autora: R.J.Palacio

August é un rapaz de dez anos divertido, intelixente e fan da "Guerra das galaxias". É un neno coma todos, pero tamén diferente aos demais: naceu cunha enfermidade moi grave que deforma a súa cara.
Debido as súas múltiples operacións nunca foi á escola (estudaba na casa) e este vai ser o seu primeiro ano...
Queredes saber como lle vai?  
Pasade pola Esperela e coñeceredes a súa historia!

20/01/17

AUDREY HEPBURN

 "Estoy orgullosa de haber estado en un negocio que dé placer, cree belleza y despierte nuestra conciencia".

18/01/17

RUBÉN DARÍO


Rubén Darío morreu o 18 de xaneiro de 1916. Foi un poeta nicaraguano, máximo representante do modernismo literario en lingua castelá. Posiblemente o poeta máis influínte do século XX.

15/01/17

LUIS MARÍA PESCETTI


Hoxe cumpre anos Luis María Pescetti, escritor, músico e cantante arxentino, con obra para nenos e adultos.
Parabéns!!

13/01/17

RECOMENDACIÓNS PARA A FINDE

Nesta fin de semana tedes moitas posibilidades, cal escolledes?

Na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada: Laia, aprendiz de maga, un espectáculo de teatro infantil da compañía Animar-T. Unha visión optimista da vida, que amosa que con esforzo e confianza nun mesmo se pode conseguir aquilo que realmente desexamos. 

No Fórum Metropolitano da Coruña tedes este sábado a VII Gala de Maxia Solidaria "Terra de Maxia", un espectáculo de ilusionismo en beneficio de la Fundación Terra de Homes


No pazo da cultura de Narón, SÉS presenta o seu novo disco. Se algo podemos destacar de SÉS é o seu enorme carisma e forza persoal, xa de sobra amosada en centos de concertos e actuacións ao longo de toda Galiza.

Cine: Animales fantásticos y dónde encontrarlos, de David Yates. Nesta película, Newt Scamander, o preeminente maxizoólogo do mundo da maxia, chega á cidade de New York despois de ter viaxado por todo o mundo buscando e documentando as distintas criaturas máxicas.




E, por suposto, os museos científicos coruñeses:

08/01/17

PREMIO NADAL


A autora (novela, conto e poesía) e crítica catalana Care Santos obtén a 73 edición do Premio Nadal pola súa novela Media vida, na que conta a historia de cinco mulleres que, despois de trinta anos sen verse, se reencontran... Un relato sobre o paso do tempo, a culpa e o perdón.

19/12/16

RECOMENDACIÓNS LECTORAS

Estas son as nosas recomendacións para estes días de vacacións. Hainas para todos os gustos e idades, non as perdades!

12/12/16

A ESTRELA DA ESPERELA


Non foi doado decidir, pero por fin temos estrela na nosa árbore de Nadal. A autora é Nuria Aguiar, de primeiro de ESO A. 
Parabéns para ela!!


Neste Nadal, agasallo cultural!!!

08/12/16

GEORGES MÉLIÈS

O 8 de decembro de 1861, nace Georges Méliès, ilusionista, director e produtor de cine francés. 
Asiste á estrea das primeiras películas dos irmáns Lumière, inventores do cinematógrafo, e convencido das posibilidades de futuro do invento, merca unha cámara cinematográfica e constrúe uns estudos nos arredores de París, volcándose na dirección e produción de películas. Entre 1899 e 1912 realiza preto de catrocentos filmes.


Nos Xardíns de Méndez Núñez, na Coruña, podedes visitar de forma gratuíta a exposición "Empieza el espectáculo. Georges Méliès y el cine de 1900".

30/11/16

PREMIO CERVANTES 2016


Hoxe foi anunciado o nome do Premio Cervantes 2016: Eduardo Mendoza. Este premio, considerado o máis importante das letras hispanas, quere recoñecer que Mendoza "inaugurase unha nova etapa na narrativa española", devolvendo ao lector "o goce polo relato" cunha lingua literaria "chea de sutilezas e ironía".
Na Esperela podedes encontrar algúns dos seus libros!