20/12/17

ATRAPASOÑOS NA ESPERELA

Esta foi a última reunión no 2017 do noso Club de Lectura Atrapasoños. Seguimos reflexionando con María Reimóndez.


Grazas pola vosa participación e interese, rapazada!
 Sodes do milloriño!

19/12/17

VOLUNTARIADO NA ESPERELA

Neste mes de decembro dez alumnas e un alumno de 4º de ESO comezaron cun labor de voluntariado na Esperela que durará todo o curso. 
En todos os recreos, dous ou tres alumnos/as estarán na Biblioteca facendo préstamo de libros, clasificación, restauración, renovación de tejuelos, dinamización do espazo... Cando acaden un mínimo de quince horas (ata un máximo de trinta), ese tempo será recoñecido pola Consellería cun certificado.
Estamos todos/as moi contentos/as!!

18/12/17

AS NOSAS ESTRELAS!!


Xa temos as nosas estrelas gañadoras do concurso "Unha estrela na Esperela". Parabéns, Manuel e Rosmeyli!!

13/12/17

JÓLABÓKAFLÓD

O libro (libro físico, en papel) é a estrela dos agasallos do Nadal en Islandia. Este costume nace dunha tradición marabillosa chamada "Jólabókaflód".
Esta palabra, que poderiamos traducir como "Inundación de libros por Nadal", caracteriza o tempo que vai de novembro a decembro, no que os islandeses se lanzan a mercar libros, que despois regalarán o 24 de decembro.
O que vén despois é puro gozo: pasar a noite de Noiteboa e o día de Nadal lendo tranquilamente.
Islandia é ese país no que o mellor agasallo que podes facer e recibir é un libro.

01/12/17

O ALUMNADO VAI AO TEATRO!


"A Cabeza do Dragón foi incluída polo autor, Ramón María del Valle-Inclán, nunha coleción de farsas que titulou, irónicamente, Retábulo de marionetas para educación de príncipes.
A historia conta, unha vez máis, a viaxe ao corazón do dragón que se narra en todas as culturas do mundo, e tamen na nosa, a cultura europea. Un príncipe, Verdemar, foxe do reino materno por ter desobedecido o rei, seu pai. No seu camiñar, cheo de experiencias, vai dar ao reino de Micomicón, que está a tremer baixo o alento fétido do Dragón. Como é costume, débenlle entregar a princesa Brancaflor ao monstro se queren salvar as vidas e as facendas do reino.

Mascarado para ocultar a súa identidade, Verdemar mata o Dragón coa espada máxica e desaparece. Un capitán de bandidos, Espandián, topa a cabeza do monstro, e con ela vai reclamar o premio: a man da princesa e a coroa do reino. Ela rexeita o impostor, e aquí é onde traballa o trasno, que leva toda a historia a coidar do príncipe en pago dunha antiga débeda: a liberdade.
Valle-Inclán introduce crítica social, brincadeiras políticas, a función liberadora da risa, a corrupción política, a violencia machista, a institución da monarquía, o medo a liberdade ou a banalización do amor romántico. 

30/11/17

ATRAPASOÑOS


Outro xoves, outra reunión dos Atrapasoños. Desta vez falando do acoso e a violencia co relato de Carlos Mosteiro, SMS, do seu libro colectivo Historias para ler e mirar.

27/11/17

ACTOS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA


A Esperela, xunto co departamento de Lingua Galega, preparou algunhas actividades da Semana contra a Violencia Machista, que tiveron lugar durante toda a semana pasada e seguirán ao longo desta.
As aulas e os espazos comúns enchéronse de imaxes desgarradoras: 52 esquelas de mulleres e nenos asasinados ao longo deste ano, siluetas no chan que representan os asasinatos, lemas contra o machismo no recibidor e en todas as portas das aulas, pegatinas e lazos para as camisetas, un acto de lectura de textos co alumnado de 3º e 4º... Todo sempre é pouco para intentar crear conciencia e corrixir actitudes.