28/02/19

DÍA DA MULLER TRABALLADORA

O equipo da Esperela anda preparando unha actividade para o Día da Muller coa que coñeceremos un pouquiño da biografía de 50 mulleres valerosas. Estade atent@s!

26/02/19

TEMPO DE ENTROIDO

Nas versións máis ancestrais das suas orixes, o  Entroido formaría parte dos ritos vinculados ao inverno, concretamente á fin do frío máis rigoroso e á chegada da época propia para sementar e, segundo isto, a finalidade das máscaras sería a de espantar os malos espíritos das colleitas.
E é que o máis típico do Entroido, deixando á parte as comidas, é andar de carauta posta, chocallando e trangallando, é dicir, correndo o Entroido, procurando que non che caian uns lategazos ou unha presa de formigas. No Entroido permítese todo. 
Coñecedes estes sete personaxes? Aparicio, Charrúa, Peliqueiro, Pantalla, Choqueiro, Entroido e Meco.


23/02/19

80 ANIVERSARIO DA MORTE DE ANTONIO MACHADO

No oitenta aniversario do pasamento do poeta Antonio Machado, recuperamos unha actividade que fixemos hai tres anos en 4º de ESO:
O 22 de febreiro de 1939, Antonio Machado morría en Colliure (Francia), triste, canso e enfermo. Fuxía dunha guerra que remataba e que significaba a desaparición da República.
Cada ano, deposítanse nun buzón próximo á súa tumba as miles de cartas que en todos os idiomas chegan ao cemiterio de Collioure dirixidas a Don Antonio Machado. As flores acompáñano permanentemente, tamén as pedras. Simbolicamente, nós ofrecemos as pedras do noso camiño, lembrando así que, a pesar do horror, a poesía permanece e nos fai mellores.

ANTONIO MACHADO from Inés de Nieves Lamas on Vimeo.

22/02/19

DÍA DE ROSALÍA: LIBRE O MEU PENSAMENTO!



DO XIX AO XXI LIBRE O MEU PENSAMENTO!
Este foi o lema para conmemorar o Día de Rosalía. O alumnado de 3º ESO xuntouse na Esperela para lembrar a nosa poeta: lemos textos explicativos, recitamos poemas, escoitamos versións musicais e cantamos e desfrutamos da poesía. Grazas á colaboración ao piano de Juan e as pandeiretas de Andrea e Laura, os versos de Rosalía resoaron na Esperela.
Ao rematar todos levamos un agasallo: un libro e unha flor!

ATRAPASOÑOS PARA ROSALÍA DE CASTRO

Hoxe, como non, a nosa sesión de Atrapasoños foi adicada a Rosalía de Castro. Falamos da súa vida e obra e lemos algúns dos seus poemas. 
Foi ben bonito, Atrapasoños! Grazas pola vosa participación!
Tedes máis información no Blog dos Atrapasoños.

19/02/19

PREMIO DO CONCURSO DE MICRORRELATOS



Samoa Pan, de 2º ESO B levou hoxe o premio do concurso de micorrelatos "Amor? Amor! en 100 palabras", que organiza A Esperela, cun relato titulado "Aviones de papel"



Parabéns, Samoa!!

18/02/19

ORIENTACIÓN PROFESIONAL


Hoxe viñeron á Esperela Serafín e Sabela, dous talentosos ex alumnos do noso insti que falaron co alumnado de 4º ESO da súa traxectoria persoal e profesional e compartiron as súas lembranzas e arelas.
GRAZAS, RAPACES, É UNHA MARABILLA CONTAR CON VÓS!!

15/02/19

12/02/19

ANDREA MACEIRAS NA ESPERELA



Grazas ao Departamento de Lingua Galega, hoxe tivemos na Esperela á escritora Andrea Maceiras, que veu presentar o seu libro, O que sei do silencio, e falou  co alumnado de 3º do seu tema: o acoso escolar.


Grazas, Andrea!!

10/02/19

CLARA CAMPOAMOR



O 12 de febreiro de 1888 nacía Clara Campoamor. O 1 de outubro de 1931, as mulleres acadaban o dereito ao voto en España por 161 votos fronte a 131. A deputada Campoamor defendeuno así fronte a Victoria Kent.