13/11/11

MAREA NEGRA, NUNCA MÁIS



Hoxe cúmprense nove anos da rotura dun dos tanques do petroleiro Prestige fronte ás costas galegas. O día 19 de novembro o barco fendeuse pola metade e afundiu, provocando a  maior catástrofe ecolóxica de Galicia e que foi xerme dun movemento social e solidario sen precedentes.


Uns meses despois, Agustín Fernández Paz publica o libro que hoxe recomendamos,  A praia da esperanza.

"O derradeiro día das vacacións de agosto Raquel atopou unha enorme buguina entre as rochas da praia. Tróuxoa para a súa casa na cidade. Esa mesma noite, un golpe seco espertouna: a buguina estaba na alfombra e pola súa abertura asomaba unha diminuta serea. É Sunia, da estirpe das Sereas Minúsculas. Pedíralle axuda á buguina para poder facer amizade con Raquel, á que estivera observando nos seus xogos: quere pasar onda ela os meses de inverno, tan aburridos na praia solitaria. A cambio, contaralle un conto marabilloso cada noite.
Pasaron os días coas súas noites de amizade entre as dúas. Pero unha noite de novembro a serea, desacougada, non foi capaz de contarlle ningún conto: saía un cheiro moi desagradable da buguina e nela non se oía o mar senón un ruído estraño. Axiña empezou a botar  alcatrán como o das estradas..."

4 comentarios:

  1. UUFFFFFFFFf, aínda lembro con medo e pabor o chapapote flotando no mar, a xente limpando coas mans, o suor frio da impotencia, a dor no lombo polo peso da desesperación, tamén a marea de solidariedade compartida con tantas persoas chegadas de todas partes para "limpar" a desfeita da ambición.
    (UN grupo de residentes participamos na limpeza na praia de Langosteira en Fisterra)

    ResponderEliminar
  2. Si, terrible, inolvidable.

    ResponderEliminar
  3. Anónimo8:07 p.m.

    Que vos parece este microrrelato?

    CONTO TRÁXICO

    Arrincárona da súa terra con armas afiadas e pola forza. Levárona onda moitas da súa caste e metéronas todas xuntas e apretadas nun sitio suxo e escuro.

    Despois, collérona a parte, esfolárona, cortárona en cachiños parellos e guindárona en aceite fervendo. Logo ciscáronlle sal por riba.

    -¿Queres ketchup nas patacas?


    UXÍO BROULLÓN

    ResponderEliminar
  4. Anónimo, aguantei a respiración ata o final...

    ResponderEliminar