27/02/12

PREMIOS AO CONCURSO AMOR, AMOR... EN CEN PALABRAS

O pasado venres 24, coincidindo coa estrea no Espazo Cinema da nova produción audiovisual de Édelingua, "As mazás casamenteiras",  entregamos os premios ás comparsas gañadoras no entroido e no concurso de microrrelatos "Amor, amor... en cen palabras".
Debido ao éxito de participación neste certame e á calidade dos textos presentados, decidimos entregar tres premios: 

Premio ao primeiro ciclo para Claudia Díaz (2º ESO B) polo texto titulado "Só funciona se somos dous; necesítote":

"Sorriso, grandes ollos, suadoiro arremangado, pantalóns caídos, skate en man e zapatos novos.
Camiña lixeiro facendo parvadas. Xira a cabeza, mírame, sorrí, devolvo o sorriso, solta o skate duramente, coloca o pe esquerdo, empurra co dereito e sóbeo. Volve xirala, mírame, dá un bico ao aire, e sae patinando. Nun intre recordo os seus beizos quentes na miña meixela, o seu cheiro entrando lenta e despreocupadamente en min, os seus brazos rodeándome, non vexo saída, tampouco a quero; non penso, iso é, non penso, tampouco o intento; rodéolle o pescozo. Soltámonos, sorrimos e esquecemos o acontecido, recordando cada intre".

Premio ao segundo ciclo para Carla Pereiro (3º ESO PDC) polo microrrelato titulado "Desolación":

"Moreas de caixas espalladas polo cuarto dela. Sentada na esquina da cama imaxinaba que el aparecía pola porta. Moitos anos compartindo amor, moitos anos de amor naquela mesma cama. E agora xa non queda nada. Ten que marchar dese cuarto.
Está na rúa, diríxese á tetería, entra, fixa os seus ollos na mesa na que adoitaba sentar sempre. A ela énchenselle os ollos de bágoas, sae da tetería, intenta ser forte e non chorar, pero a tristeza invádea, bota a correr sen rumbo..
Desfeita, chega á casa de Lucía, a súa mellor amiga. Alí estaba el".

Premio ao Bacharelato para Tamara Paredes (2º Bacharelato) polo poema titulado "Enxebre sentimento":

Abaneaban as estrelas esmorecendo
na soidade do infindo, recollendo
axóuxeres sen acordes melódicos.

A escuridade da firmeza derrubou
o equinoccio, xa non promulga, dimite.

As lembranzas derrubaron a ledicia, os lóstregos
asediaron o luar. O chamamento agarimouse
ós larpeiros envelenamentos, brétema no corazón.

Saudade socorrida polo diaño. Apertas escorrentadas
polos ciumes. Nada queda, todo murcha.

O meu lar na ribeira, a xanela aberta. O misto
acendido non quenta; tatexa sen control.
Lambisquei un boneco enfeitizado sen 
sabor.

Digo fuxe; o trasno, non quere.


10 comentarios:

  1. Parabéns aos gañadores. Estivo moi ben a vosa participación , había traballos moi ben escritos.

    ResponderEliminar
  2. Si, non foi fácil a elección, Belén, verdade?

    ResponderEliminar
  3. Quería dicir que a decisión foi moi difícil. Abofé que o foi!

    ResponderEliminar
  4. Xa, muller, xa entendimos! ;)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Anónimo9:59 p.m.

      non me extraña nada, canto talento estes rapaces, non???

      Eliminar
  5. Pablo Díaz9:57 p.m.

    Parabéns a todos os gañadores! En especial a Tamara
    que me segue a sorprender con eses versos imposíbeis!

    ResponderEliminar
  6. Grazas, Pablo! Que nostalxia, non?
    Concordo no dos versos de Tamara. É unha artista!

    ResponderEliminar