03/04/13

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Desde 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. 



Aportación de José Saramago

27/03/13

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA NA ESPERELA


BASES DO CONCURSO FOTOLIBRO

II EDICIÓN
Todos leemos. Alejandro Ennes
Primeira. Os participantes presentarán fotografías orixinais e inéditas ‑e non premiadas noutros certames‑ coa temática do libro e a lectura. 
Segunda. As fotos deberán levar un título e o nome d@ autor@. Cada un participará cun máximo de tres fotos en formato jpg..

Terceira. Poderá participar calquera membro da comunidade educativa do IES O Mosteirón (alumnado, profesorado, persoal do centro.pais e nais) O prazo de presentación ábrese o día 1de abril e rematará o 18 de abril de 2013.
 Cuarta. As fotografías, co seu título e nome do autor/a, enviaranse por correo electrónico ao seguinte enderezo: aesperela@gmail.com ou entregaranse na biblioteca nun sobre co nome do autor e o título da fotografía por fora.
Revolcándose en la literatura. Olalla Armada
Quinta. Os traballos serán expostos, segundo se vaian presentando, en lugares visibles e accesibles do centro.

Sexta. As obras serán avaliadas polos membros da comunidade educativa do IES O Mosteirón establecéndose o seguinte procedemento de votación popular:
  • Do 8 de abril o 19 de abril todos os membros da comunidade educativa poderán emitir o seu voto empregando as papeletas preparadas a tal efecto na exposición de fotos (recibidor do Instituto)
  • Pódense escoller tres fotos, unha por cada categoría.
  • A papeleta entregarase na biblioteca durante os recreos. Emitirase un voto por persoa, previa identificación no momento de entregar a papeleta.
  • Correspóndelle A Esperela a proclamación das fotos gañadoras: unha para o primeiro ciclo, outra para o segundo ciclo e outra para adultos.
Esperando. Elena Rodríguez
Sétima. O anuncio das fotos gañadoras do concurso farase o día  23 de abril. Terá lugar na BIBLIOTECA A ESPERELA, no segundo recreo.

Oitava. Os gañadores recibirán un premio sorpresa e un diploma acreditativo.

Novena. A biblioteca resérvase o dereito a usar as fotos participantes no concurso.

Décima. A participación no certame implica a aceptación destas bases.    

Animádevos a participar. Seguro que nesta convocatoria preséntanse mais fotografías que na do ano pasado.

24/03/13

SEMANA DA POESÍA NA ESPERELA

Repaso rápido do que foron as actividades desenvolvidas durante esta semana intensa e chea de poemas.

Escoitando a voz dos poetas e compoñendo Sonetos

Semana da poesía. A Esperela on PhotoPeach

Recital na biblioteca e Recital multimedia de Yolanda Castaño:
Recitando poemas.  Recital Yolanda Castaño on PhotoPeach

Grazas por participar e gozar da poesía

14/03/13

SEMANA DA POESÍA, DO 18 AO 22 DE MARZO

Como sabedes o 21 de marzo é o Día Internacional da Poesía con tal motivo A Esperela ten preparadas as actividades seguintes:

HORA DE LER: 4ª Hora (11:20- 12:10). Lectura de poemas nas aulas. (O profesorado ten a súa disposición un cartafol con poemas na sala de profesores).


LUNS 18 e MARTES 19, 2º Recreo, na biblioteca:


Escoitamos a voz dos poetas”. Escoitaremos varios poemas recitados polos seus autores. 

MÉRCORES 20. “Xoga cos versos e compón un soneto. Durante os recreos poderemos compoñer sonetos xogando con versos escritos por diferentes autores. 

XOVES 21: Día da poesía. RECITAL POÉTICO. Un grupo de compañeiros /as recitaran para todos, 2º Recreo.
VENRES 22. 12:30, Salón de Actos. YOLANDA CASTAÑO: Recital multimedia. Combinación de recital de textos propios con proxección de videopoesía e pezas de audio pregravado. Un novo e atractivo xeito de comunicar a poesía facéndoa dialogar coa linguaxe audiovisual e as novas tecnoloxías.


PARTICIPADE E GOZADE DA POESÍA
GRAZAS

12/03/13

IMAXE DO DÍA

El Mar, El Mar Y Tú 

El mar, el mar y tú, plural espejo,
el mar de torso perezoso y lento
nadando por el mar, del mar sediento:
el mar que muere y nace en un reflejo.


El mar y tú, su mar, el mar espejo:
roca que escala el mar con paso lento,
pilar de sal que abate el mar sediento,
sed y vaivén y apenas un reflejo.


De la suma de instantes en que creces,
del círculo de imágenes del año,
retengo un mes de espumas y de peces,


y bajo cielos líquidos de estaño
tu cuerpo que en la luz abre bahías
al oscuro oleaje de los días.

Octavio Paz

 Xa remata o inverno... o mar quere despedirse con forza.

10/03/13

10 ANOS DE GALIPEDIA

O 8 de marzo cumpríronse 10 anos da aparición da GALIPEDIA.
Parabéns dende A Esperela a esta imprescindible ferramenta de consulta e difusión da nosa lingua.
GRAZAS

07/03/13

HOMENAXE Á MULLER TRABALLADORA


Pan e Paz, audiovisual realizado por radialistas.net no que se fai unha breve cronoloxía histórica do 8 de marzo.



Mujeres- Silvio Rodríguez. Unha canción que resume o inmenso valor da muller no devir da vida.



A canción Centeás, de Luar Na Lubre, é unha homenaxe ás mulleres traballadoras. Centeás - Camiños dá Fin dá Terra (2007)

  Dende A Esperela o noso recoñecemento e gratitude.

06/03/13

DÍA DA MULLER TRABALLADORA: INVISIBLES

Así estamos no tocante a igualdade de xénero, vídeo da organización ATTAC




Xa diredes si están equivocados ou esaxeran

01/03/13

NOVIDADES: VIDEO XOGOS


Acabamos de incorporar tres video xogos aos fondos da biblioteca.
Age of Mythology (PC). Xogo de estratexia en tempo real continuación da coñecida saga "Age of..." de Ensemble Studios. Unha das súas principais novidades é que inclúe, por primeira vez, unha contorna 3D. Ademais conta cunha ambientación moi diferente na que o realismo histórico de anteriores xogos deu paso a un mundo de mitoloxía e lenda.

IMPERIUM CIVITAS ANTHOLOGY

IMPERIVM CIVITAS ANTHOLOGY (PC) 

Construír un Imperio, converterse nun Emperador romano, este é o reto que che propón Imperium Civitas.

 

FIFA 13 (PC) 

Non precisa presentación.

 

27/02/13

IMAXE DO DÍA


A revista especializada en literatura xuvenil El templo de las mil puertas proponnos este manifesto a favor da Literatura Xuvenil nun vídeo de stop-motion.

26/02/13

CERTAME AMOR! AMOR? ENTREGA DE PREMIOS

Hoxe A Esperela viviu un momento importante, entregamos os premios do certame de microrelatos. 

Podedes ver as gañadoras e ler os textos premiados.

Yael e Carolina preparadas para ler os seus textos
Texto gañador na categoría de 2º Ciclo da ESO:

Lembranzas
Nunca poderei esquecer as moitas sensacións que percorrían con rapidez cada un dos recuncho do meu corpo. Non podo...sei que xamais poderei, xa que anque poña esmero en botarte das miñas lembranzas, os teus ollos, vivaces e cheos dunha contaxiosa esperanza, aparecen en canto o mais mínimo descoido domíname.

Aquí estou, mirando afanado os astros do ceo, cada un deses corpos distantes, como ti, que parpadean no manto escuro desta repetitiva noite de lembranzas dolorosas.
Así que, con coidado, deixo as rosas no teu leito eterno e repito a mesma promesa, desexando que dalgún modo me escoites:
- Esquecerte?...Nunca

                                            Yael Gómez Blanco. 3º ESO B

Texto gañador na categoría de 1º Ciclo da ESO:

O lobo e a lúa
Onde estás miña amada? Ven a noite...non te atopo! A túa luz foise apagando ata que chegou a escuridade. Ti, que sempre me acompañas e, agra déixasme só! Sento morriña da túa beleza, do teu brillo, da túa forza magnética...
Lembro os teus prateados cabelos e os teus fermosos ollos azuis que me miran fixamente, mentres eu docemente ouveo.

Sei que o noso é imposible, quixera bicarte, abrazarte, acariñar a túa pel de felpa...Non pode ser ! Ti vives no ceo, eu na terra. Querereite desde lonxe...só desexo que volvas e desapareza a soidade do meu corazón...

                                    Carolina Gómez Garrido, 1º ESO A

Rematamos o acto recitando o poema de Rosalía de Castro Non che digo nada... Claudia, Ana e Dakota (Accésits do certame) encargáronse das estrofas o público puxemos o acompañamento. 


Parabéns as gañadoras e participantes.






Grazas ao alumnado e profesorado que participou no acto.

23/02/13

24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA

Creado por Rosana Rodiles.
CEIP de Pazos (Ferrol)
A Esperela, xunto as bibliotecas escolares galegas, súmase á celebración do aniversario de Rosalía de Castro, unha das datas sinaladas no "calendario da lectura" do noso país. 

Este ano ten unha especial relevancia ao se cumpriren 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro  escrito integramente en galego, consolidando definitivamente o Rexurdimento da nosa literatura.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega  (AELG) anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro. Tamén promove recitados dos poemas de Cantares Gallegos  nos centros de ensino. 

Na Esperela faremos o noso recitado o día 26 despois da entrega de premios do Certame Amor? Amor! en 100 palabras. Non faltedes.

O IES de Poio e o IES Ribeira do Louro (O Porriño), en colaboración ofrécennos: Cantares fronte á adversidade. Constelación poética...
Moitas grazas por traballo tan fermoso.



21/02/13

JORGE PETEIRO


Falece Jorge Peteiro, un dos pintores galegos de referencia.
O artista coruñés morreu onte na súa casa estudo de Sada. A súa peculiar obra é recoñecida en todo o mundo:
«Si de algo estou orgulloso é de que o meu estilo sexa recoñecido» 

Nacido na Coruña fai 53 anos, Jorge Peteiro iniciara a súa carreira artística nos anos setenta. Entre 1973 e 1977 participou activamente en grupos de teatro independente, na creación dun dos primeiros fanzines da cidade e pintou os seus primeiros murales. No 77 trasládase a Santiago para estudar Psicoloxía e Empresariais e entra en contacto con grupos de clara tendencia contracultural. Foi unha época de longas viaxes por museos e cidades de Italia, Francia e España, ata radicar en 1979 na Escola de Belas Artes de San Carlos, Valencia, na que obtivo a licenciatura.


Peteiro é o autor do peixe serra da Casa dos Peixes, Acuario da Coruña
 «A xente está cansada de ver sempre máis do mesmo e isto é unha linguaxe persoal que a xente agradece, igual que a cor ou as composicións que realizo». «A miña pintura é amable para o público, pero non para os críticos ou os galeristas. É alegre, si, divertida, atractiva. A miña pintura quere potenciar a vida, pero a vida boa, a do xogo e a alegría, a vida de verdade. E para iso non ten por que haber límites para unha persoa normal».


Desde A Esperela queremos expresar o noso sentir pola gran perdida que significa para a arte. Un exemplo de coherencia e saber transmitir as emocións.  

Para mais información:     PETEIRO                         El Correo Gallego             La Voz de Galicia               La Opinión

16/02/13

7 MANEIRAS DE LER E ESCRIBIR

Seguimos aportando pistas para ler e escribir. Lembrade que o prazo para presentar os vosos traballos para o Certame Amor? Amor! en cen palabras remata o día 21 de febreiro as 12:30. 

Gozade desta presentaciónAnimádevos a participar
http://prezi.com/m72b7sga48jg/7-maneras-de-leer-mejor/

14/02/13

CERTAME AMOR. UNHA AXUDA



Decálogo para escribir microcontos
1. Un microconto é unha historia mínima que non necesita máis ca unhas poucas liñas para ser contada, e non o resumo dun conto máis longo          .

2. Un microconto non é unha anécdota nin unha ocorrencia. Coma todos os relatos, o microconto ten presentación, nó e desenlace e o seu obxectivo é contar un cambio, como se resolve o conflito que se suscita nas primeiras liñas.

3. Habitualmente o período de tempo que se conte será pequeno. É dicir, non transcorrerá moito tempo entre o principio e o final da historia.

4. Convén evitar a proliferación de personaxes. Polo xeral, para un microconto tres personaxes xa son multitude.     

5. O microconto adoita suceder nun só escenario, dous como máximo. Son raros os microcontos con escenarios múltiples.           

6. Para evitar alongarnos na presentación e descrición de espazos e personaxes, é aconsellable seleccionar ben os detalles cos que serán descritos. Un detalle ben elixido pode dicilo todo.    

7. Un microconto é, sobre todo, un exercicio de precisión no contar e no uso da linguaxe. É moi importante seleccionar drasticamente o que se conta (e tamén o que non se conta), e atopar as palabras xustas que o conten mellor. Por esta razón, nun microconto o título é esencial: non debe ser superfluo, é bo que entre a formar parte da historia e, cunha extensión mínima, ha de desvelar algo importante.

8. Aínda tendo en conta a súa reducida extensión e o mínimo do suceso que narran, os microcontos adoitan ter un significado de orde superior. É dicir, contan algo moi pequeno, pero que ten un significado moi grande.

9. É moi conveniente evitar as descricións abstractas, as explicacións, os xuízos de valor e nunca hai que tratar de convencer o lector do que ten que sentir. Contar contos é pintar con palabras, debuxar as escenas ante os ollos do lector para que este poida conmoverse (ou non) con elas.

10. Pensa distinto, non te conformes, fuxe dos tópicos. Un non escribe (nin microcontos nin nada) para contar o que xa se dixo mil veces. 


Escribe, inventa, sinte, fainos sentir, comparte sentimentos... PARTICIPA

04/02/13

V CERTAME AMOR? AMOR! EN 100 PALABRAS



 BASES DO V CERTAME
AMOR? AMOR!... EN 100 PALABRAS

EDLG / Biblioteca A Esperela

IES O MOSTEIRÓN (SADA)




  
Primeira. Os participantes presentarán creacións literarias orixinais e inéditas ‑e non premiadas noutros certames‑ no xénero literario que desexen, ben en prosa, en verso ou en ambas as modalidades. A temática será o amor, en calquera das súas manifestacións: amor, desamor…
Segunda. As obras deberán ter unha extensión máxima de 100 palabras e levarán título. Estarán redactadas en lingua galega e poden estar escritas á man ou a ordenador.
Terceira. Poderá participar calquera membro da comunidade educativa do IES O Mosteirón (Sada). O prazo de presentación abrirase o día 5 de febreiro de 2013 no primeiro recreo e remata o 21 de febreiro no segundo recreo.
Cuarta. Os microrrelatos entregaranse na biblioteca durante os recreos; recolleraos o persoal docente con garda de biblioteca.
Os participantes deben presentar as obras dentro dun sobre, co título e cun pseudónimo ou nome falso por fóra. Dentro deste sobre, incluirase outro sobre máis pequeno –tamén co título do microrrelato e o pseudónimo por fóra‑ no que se indique o nome completo e a clase do autor ou autora do texto dentro.
Quinta. Os traballos serán expostos, segundo se vaian presentando, en lugares visibles e accesibles do centro.
Sexta. As obras serán avaliadas por unha comisión designada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e mais polo equipo da Biblioteca A Esperela do IES O Mosteirón. Esta proclamará dous textos gañadores. Un para o primeiro ciclo e outro para 2º ciclo da ESO.
Sétima. O anuncio das obras gañadoras do certame farase o día 26 de febreiro. Terá lugar na Biblioteca A Esperela no segundo recreo.
Oitava. Os gañadores recibirán un premio sorpresa. 
Novena. A participación no certame implica a aceptación destas bases.

Sada, 4 de febreiro de 2013

Neste enlace podedes ler algúns textos sobre o amor seleccionados por As zocas faladoras (Biblioteca do IES de Poio)
                              Animádevos a participar