11/04/12

ÉDELINGUA: GAÑADORA DO CONCURSO DE VÍDEOS DO CORRELINGUA 2012


Onte recibimos no instituto unha moi boa nova: Édelingua Producións Audiovisuais, a produtora do noso Equipo de Dinamización da Lingua Galega, gañou o primeiro premio do concurso de vídeos do Correlingua 2012.
É unha gran satisfacción que esta produtora, formada por alumnado e profesorado do equipo, e que tantas satisfaccións nos da, vexa así recoñecido o seu traballo e esforzo. Felicitamos a tod@s @s integrantes do equipo, especialmente a Javier González, de segundo de bacharelato, o noso cámara e director.
PARABÉNS!


Se queredes ver outros vídeos da produtora e saber máis deste premio, 
visitade o blog do Édelingua.

10/04/12

UN CAMPIÓN: MARTÍN VARELA DOURADO

 

Martín Varela Dourado naceu en Corme (A Coruña) no ano 1978 e practica o tenis en cadeira de rodas. Ten unha discapacidade física por un accidente de circulación que sufriu en 1998 e, despois dunha longa recuperación física e mental, empezou a practicar deporte baixo as directrices do seu irmán Esteban (licenciado no INEF). No 2003 comezou a practicar o tenis en cadeira de rodas na Escola de Tenis Marineda. Desde entón compite en torneos nacionais e internacionais, nos que xa conseguiu moi bos resultados. 
Nas próximas tempadas seguirá competindo para subir no ranking internacional até conseguir a clasificación para poder participar na Paraolimpiada que se celebrará en Londres en 2012.


Moi pronto estará de visita no noso instituto!

09/04/12

IMAXE DO DÍA


Mucha gente pequeña, en lugares pequeños, haciendo cosas pequeñas,
 puede cambiar el mundo. 
Eduardo Galeano

02/04/12

DÍA DO LIBRO INFANTIL



Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro

Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro. Ese conto en realidade non era un só, senón moitos máis que comezaron a poboar o mundo coas súas historias de nenas desobedientes e lobos seductores, de zapatiños de cristal e príncipes namorados, de gatos inxeniosos e soldadiños de chumbo, de xigantes bonachóns e fábricas de chocolate. Poboárono de palabras, de intelixencia, de imaxes, de personaxes extraordinarios. Permitíronlle rir, asombrarse, convivir. Cargárono de significados. E dende aquela eses contos continuaron multiplicándose para dicirnos mil e unha veces “Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro…”
Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos estamos exercitando a imaxinación, coma se fose necesario adestrala para mantela en forma. Algún día, seguramente sen que o saibamos, unha desas historias acudirá ás nosas vidas para ofrecernos solucións creativas aos obstáculos que se nos presenten no camiño.
Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos en voz alta tamén estamos repetindo un ritual moi antigo que cumpriu un papel fundamental na historia da civilización: facer comunidade. Ao redor deses contos reuníronse as culturas, as épocas e as xeracións para dicirnos que somos un só os xaponeses, os alemáns e os mexicanos; aqueles que viviron no século XVII e nós que lemos un conto en Internet; os avós, os pais e os fillos. Os contos énchennos por igual aos seres humanos, a pesar das nosas enormes diferencias, porque todos somos, no fondo, os seus protagonistas.
Ao contrario dos organismos vivos, que nacen, se reproducen e morren, os contos, que xorden colmados de fertilidade, poden ser inmortais. En especial aqueles de tradición popular que se adecúan ás circunstancias, ao contexto do presente no que son contados ou reescritos. Trátase de contos que, ao reproducilos ou escoitalos, os converten nos seus coautores.
E había unha vez, tamén, un país cheo de mitos, contos e lendas que viaxaron polos séculos, de boca en boca, para exhibir a súa idea da creación, para narrar a súa historia, para ofrecer a súa riqueza cultural, para excitar a curiosidade e encher de sorrisos os beizos. Era tamén un país no que poucos dos seus poboadores tiñan acceso aos libros. Pero esa é unha historia que xa empezou a cambiar. Hoxe os contos están chegando cada vez máis a recunchos afastados do meu país, México. E ao atoparse cos seus lectores están cumprindo co seu papel de facer comunidade, facer familia e facer individuos con maior posibilidade de ser felices.

31/03/12

MIGUEL HERNÁNDEZ


O mércores pasado cumpríronse 70 anos da morte do poeta Miguel Hernández no cárcere alacantino cando só tiña 31 anos.
O poeta nacera en Orihuela no 1910, fillo de campesiños e que tivo, entre outros oficios, o de pastor de cabras. 
Axudado polo seu amigo Ramón Sijé, iniciouse na poesía dende os vinte anos, cando publicou o seu primeiro libro, Perito en lunas e posteriormente os sonetos agrupados en El rayo que no cesa, que marcou a experiencia amorosa do poeta.
Durante a guerra civil militou moi activamente no bando republicano, foi encarcerado e condenado a morte.

Nesta versión, musicada por Joan Manuel Serrat, escoitaredes o seu poema 
"Para la libertad".

30/03/12

RECOMENDACIÓNS SEMANAIS

Presume de ler e déixate ver!


Cristina García, 4* ESO
Aire negro, Agustín Fernández Paz

Este libro, pódese dicir que foi moi distinto aos que acostumo ler. Polo misterio que esconde, a reflexión que se fai ao ver que moitas veces tes que fuxir da túa rutina por medo ao destino ou para buscar outros camiños para empezar de novo. Ademais, o libro faite cambiar drasticamente do sentimento de angustia, medo, inquietude a sacarte un sorriso cunha soa frase. Un dos puntos fortes é a relación que comeza entre os dous protagonistas, o amor que senten mutuamente en silencio por medo a súa diferenza de idade, a forma de vida, ao pensar que é un deses amores prohibidos. 
É un desdes libros que podes ler nunha soa tarde porque a historia te atrapa.

28/03/12

LORENZO SILVA VISITA A ESPERELA

Organizada polo departamento de Lingua castelá e Literatura, hoxe tivemos a sorte de recibir no noso instituto a visita de Lorenzo Silva. O alumnado de 2* de ESO, que lera dous dos seus libros, La lluvia de París e Los amores lunáticos, escoitou moi atento as palabras do escritor e faltoulle tempo para facer máis preguntas...
Mirade as fotos da visita:

Parece que entre o alumnado do Mosteirón tamén temos bos escritores!

27/03/12

27 DE MARZO: DÍA MUNDIAL DO TEATRO



Aquí podes ler a Mensaxe Internacional do Teatro que se traduce a máis de vinte idiomas e se difunde por todo o mundo. Este ano é o actor John Malkovich o encargado de escribir esta mensaxe que cumpre 50 anos.

Hoxe celebramos na Esperela o Día Internacional do Teatro con distintas interpretacións de pequenos diálogos por parte do alumnado de 3* da ESO A. Resultou unha actividade moi divertida, mirade...


26/03/12

ANTONIO TABUCCHI


Onte faleceu en Lisboa o escritor italiano Antonio Tabucchi. Traducido a 40 idiomas, era o escritor italiano máis coñecido no estranxeiro debido á súa singular narrativa e á súa constante loita polas liberdades civís.
O literato, nado en Pisa en 1943, inspirouse en moitas das súas obras na Lisboa que tanto retratou o seu mestre Pessoa, do que aprendeu que dende a poesía tamén se pode construír un universo novelesco.
Unha das súas novelas máis coñecidas é Sostiene Pereira, tamén levada ao cine.


     

24/03/12

JULES VERNE


O 24 de marzo de 1905 faleceu o escritor francés Jules Verne, pioneiro da literatura de ciencia ficción.
Nos seus relatos anunciou a aparición dalgúns dos produtos xerados polo avance tecnolóxico do século XX, como a televisión, os helicópteros, os submarinos ou as naves espaciais. Aproveitando os seus coñecementos xeográficos, adquiridos nas súas viaxes por Europa, África e América do Norte, e o seu entusiasmo pola revolución tecnolóxica e industrial, convertéuse nun especialista dos relatos de aventuras de tipo científico. Soubo crear tensión dramática para combinar as situacións máis extravagantes e os momentos poéticos. 
Entre as súas obras destacan Vinte mil leguas baixo os mares, Os fillos do capitán Grant, A illa misteriosa, Un capitán de quince anos, Miguel Strogoft...

"Todo o que unha persoa pode imaxinar, outras poderán facelo realidade".

23/03/12

RECOMENDACIÓNS SEMANAIS

Presume de ler e déixate ver


T. P.s, 2º bacharelato
Poesía última de amor e enfermidade, Lois Pereiro

Este libro de poemas comeceino a ler cando acababa de pasar por unha dura enfermidade. Axudoume a comprender que todas as experiencias perfeccionan a nosa vida. A ver que o túnel non sempre é escuro e que no medio do camiño unha luz pequerrechiña alumea dándolle vida ó inerte.
Cada verso amosa un estado: anguria, ledicia, ansia de vida... a enfermidade remata, a morte aproxímase... a poesía non fina; cada vez que se le, que se lle da vida, un trasno xoga cos sentimentos e emocións.

22/03/12

IMAXE DO DÍA


"Hai nenos que len baixo as sabas, coa lanterna na man, en contra do mundo enteiro. Hai unha dimensión de transgresión na lectura... desa maneira créase un espazo para a intimidade, un xardín protexido de olladas".
                                                                                        Michèle Petit

21/03/12

DÍA DA POESÍA NA ESPERELA

Hoxe celebramos na Esperela un recital poético no que alumnado e profesorado recitaron poemas de Celso Emilio Ferreiro, conmemorando así tamén o seu centenario.
Escoitade as voces desta actividade tan emotiva:


20/03/12

SEMANA DA POESÍA NA ESPERELA

Na Esperela estamos a celebrar a semana da poesía coas seguintes actividades:
Nas aulas, durante a hora de ler (4ª hora) lemos poemas en distintas linguas.
O mércores 21 ás 10:10 faremos un recital poético na biblioteca no que alumnado e profesorado recitará poemas de Celso Emilio Ferreiro.
"Colle un libro e leva un poema": cando retires un libro da biblioteca recibirás como agasallo un poema de Celso Emilio Ferreiro.

GRAZAS POR POETIZAR

19/03/12

CONCURSO FOTOLIBRO

O pasado venres, A Esperela entregou os premios do concurso de fotografía con libros Fotolibro. Debido ao éxito de participación e á calidade dos traballos presentados, vímonos obrigados a entregar catro primeiros premios e varios accésits e mencións.

Podedes ver todas as fotos que participaron  




Aquí tedes os gañadores coas súas obras...


17/03/12

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

O próximo día 21 celebraremos na Esperela o día mundial da poesía. Se queredes saber como o faremos, estade atentos a este blog. De momento, aquí tedes cinco motivos para ler poesía según o escritor Fran Alonso.



«A diversidade poética bríndanos outro xeito de dialogar. Permítenos descubrir que todos e cada un de nós, en calquera punto da Terra, compartimos os mesmos interrogantes e sentimentos. É unha faceta da nosa liberdade, é a nosa humanidade. Por iso a poesía debe ocupar o lugar que lle corresponde nos programas de educación de calidade. Mediante o acceso á poética do mundo enteiro, os mozos poden dispoñer dun instrumento máis, diferente, sutil e fluído, para mellorar o seu coñecemento e comprensión dos demais. O descubrimento dun novo poema constitúe un acto de inmersión na lingua, pero tamén na emoción e na sensibilidade do outro, por moi distante que se atope en termos xeográficos.»(Recollido en Bibliotecas Escolares de Galicia)

16/03/12

RECOMENDACIÓNS SEMANAIS

Presume de ler e déixate ver

Sara Arias, 1 Bacharelato
El silencio se mueve, Fernando Marías

Este libro trata de un hombre que tiene una capacidad especial de escuchar y analizar el silencio. Un día, una chica llamada Liza va en busca de su ayuda porque su hija se queda hipnotizada, como si alguien la controlase haciendo dibujos y llevándola a lugares sin darse cuenta. Cuando reaccionaba, nunca se acordaba de  qué había pasado.
Recomiendo este libro a todo el mundo que le gusten los libros de misterio porque una vez que empiezas a leer y coges el hilo de la historia, no puedes parar.



15/03/12

THE GODFATHER

Hoxe cúmprense corenta anos da estrea en 1972 da que para moitos é a mellor película da historia, O PADRIÑO, de Francis Ford Coppola, baseada no libro, O Padriño, de Mario Puzo. A publicación de  O Padriño en 1969 supuxo unha convulsión no mundo literario. Por primeira vez, a Mafia protagonizaba unha novela e era retratada dende dentro con acerto e verosimilitude. Mario Puzo presentábaa non coma unha mera asociación de facinorosos, senon coma unha complexa sociedade cunha cultura propia e unha xerarquía aceptada incluso máis aló dos círculos de delincuencia. O Padriño narra a historia dun home: Vito Corleone, o capo máis respectado de Nova Iorque.
Aquí o tedes nese momento memorable: 
"fareille unha oferta que non poderá rexeitar".


14/03/12

AKIRA YOSHIZAWA


Akira Yoshizawa (que morreu en Tokio o 14 de marzo de 2005) foi un notable mestre do origami xaponés, que é a arte de dobrar papel para crear figuras (a palabra origami procede dos vocablos xaponeses "oru", dobrar, e "kami", referido ao papel).

Recoñéceselle elevar o origami desde a artesanía ou o simple pasatempo á súa condición artística, sendo por tanto un dos "pais do origami". Calcúlase que creou máis de 50.000 modelos, dos cales só uns poucos centos de deseños foron publicados nos seus dezaoito libros. 
Na tradición máis pura do origami, para os seus deseños nunca utilizou tesoiras, pegamento ou adornos adicionais ás figuras.
Mirade algunhas das súas creacións:


12/03/12

O NÓ NARRATIVO

Unha narración é o relato de feitos reais ou imaxinarios que suceden a personaxes verdadeiros ou ficticios, nun lugar e nun tempo determinados. Estes relatos adoitan presentar tres partes: presentación, nó e desenlace.
Na presentación aparecen os elementos e personaxes fundamentais e sitúanse os feitos nun lugar e nun tempo. No nó aparece e desenvólvese o conflito, é o momento de maior interese, o momento da intriga. O desenlace é o episodio final no que se resolve ou finaliza o conflito.
Dependendo da obra, ou do autor, ese nó será máis ou menos simple, complexo, fantástico, estético, violento...